Son todos iguais?

Non, nin moito menos, non son todos iguais. Uns máis, outros menos e outros nada. Son iguais os que o son. Os defensores das desigualdades din que, diante da Xustiza, si. «Aquí todos somos iguais», aseveran, pero non o parece. Moita xente ten a sensación, non a certeza, de que a Xustiza inxustamente non trata a todos igual ou, se se quere, que non somos todos iguais para os que administran a Xustiza. Vostede, que pensa? É obvio que a loita pola igualdade debe continuar e intensificarse, debe frear os ímpetos dos perversos, debe seguir ata conseguir que, respectando a enorme e normal diversidade, os homes e as mulleres de calquera raza, de calquera pensamento, relixión ou nación, con ampla formación ou con menos, teñan igualdade de oportunidades en todo e para todo.

Sería ben bonito, se fose verdadeiro, iso de que «todos somos iguais diante da lei», como tantas veces se repite. E, quen aplica a lei aos demais? Esas persoas, con ataduras ou sen elas, deben ter e teñen capacidade para interpretar, para axustar, medir e ditar. A bo seguro que o fan ben, independentemente de que parezan e sexan diferentes as medidas que adoptan, en función, seguramente, das circunstancias e dos tempos. Como van tratar a todos igual, se os ven a todos diferentes? Se todos somos distintos.

E, coidado!, aínda que un caso se repita exactamente igual en dous suxeitos, poida que sexa tratado e interpretado, con razón ou sen ela, como se fosen dous feitos absolutamente diferentes. Mala cousa cando isto pasa. A igualdade tería que prevalecer independentemente de calquera condición persoal ou social e a lei debería garantila, defendela e preservala. Pero, que é a lei? Cada quen defínea á súa maneira. A principios do século dezanove, o novelista francés, Honoré de Balzac comparábaa cunha tea de araña, pola que pasan libremente as moscas grandes e quedan atrapadas as pequenas.

Para rondar a prezada e necesaria igualdade, cómpre que a sociedade teña aguzado o sentido da solidariedade e da equidade, cómpre formación, espírito crítico, entendemento e sentido común para defender e respectar tódolos dereitos humanos, os de tódalas persoas, unha a unha, e tódolos pobos, por xunto e por separado

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar