Pontevedra:«Oficios entre lusco y fusco», mostra da Fundación e Museo do Pobo Galego


«Oficios entre lusco e fusco»
 é unha mostra organizada por Afundación co Museo do Pobo Galego coa que afondar no mundo dos oficios tradicionais galegos, a piques de desaparecer. O fotógrafo Xosé Abad é o autor das imaxes que conforman a exposición, coas que amosa a súa perspectiva sobre a desaparición destes xeitos de vida. Pode ser visitada no Café Moderno Afundación de Pontevedra, do 7 de marzo ao 3 de xuño.

No actual contexto de crise, Xosé Abad interrógase sobre o desenvolvemento de determinados valores ata hai pouco indiscutibles: a calidade dos traballos, a súa realización con mestría e dedicación e a experiencia, un legado que parece lóxico transmitir ás xeracións futuras. Constatando que estas apreciacións están en franco retroceso, o autor detense a retratar un cambio social auspiciado polo crecemento do consumismo. En moitos casos, a mecanización dos traballos mellorou as condicións laborais dos oficiantes, mais tamén implicou a desaparición do seu xeito de produción, cambiado pola cadea de montaxe e pola deslocalización a países sen regularización de dereitos e con salarios moi baixos. O traballo «ben feito», o trato humano, a orixinalidade de cada peza, por seren valores en desuso, pasaron a ser, paradoxalmente, distintivos de luxo ao alcance de moi poucas persoas. Así pois, os oficios tradicionais están en vías de extinción nos países desenvolvidos. Quizais neste intre esteamos a vivir os derradeiros momentos da coexistencia entre dous xeitos de produción ben diferenciados, e por iso é importante documentalos.

 

 

As imaxes de «Entre lusco e fusco» simbolizan a decadencia dos oficios a través dun esquema de iluminación inspirado no atardecer, seguindo o esquema baseado en Caravaggio. Os claroscuros suxiren espazos e ferramentas, quedando ben definido o contexto en que se desenvolven os traballos e, asemade, documentada a presenza dos dignos representantes do seu gremio neses universos onde tantas veces se funden o privado e o laboral. O espectador é partícipe da atmosfera en que se levan a cabo eses oficios, redescubríndoos na medida da súa importancia e ocupándoos tamén con certa bagaxe afectiva.

 

 

Xosé Abad, nado en Figueres (1956), iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudio realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luis Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais IsaacO segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.

 

A presente mostra encádrase dentro do proxecto Corrente cultural, unha aposta de Afundación por espallar cultura por toda Galicia, polas vilas e pobos, construíndo unha rede de calidade que leve coñecemento alén dos seus edificios nas urbes. As iniciativas que van conformar este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia. Buscamos apoiar a sociedade galega nas necesidades do século XXI desde a máxima do traballo ben feito.

 

Horarios

Luns a venres de 17.30 a 21.30 h.

Sábados de 11.00 a 14.00 e 17.30 a 20.30 h.

Domingos e festivos pechado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar