Internacionalización de Ourense, obxectivo da Deputación e a Cámara de Comercio

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, e a directivos da organización cameral, con que falou de temas relacionados co emprego e a economía na provincia de Ourense. En concreto, avanzaron nas liñas de colaboración que impulsarán conxuntamente as dúas entidades, relacionadas cos ámbitos da internacionalización, a promoción de Ourense e a cooperación para explorar canles de negocio e competitivdade, e acordaron asinar un convenio de colaboración para 2017, segundo o cal a Deputación achegará 100.000 euros para potenciar as «antenas» do Barco e Verín e o viveiro de empresas que a Cámara ten en Tecnópole.Na reunión, a Cámara de Comercio pediulle a Manuel Baltar que a Deputación promova unha nova misión comercial USA-Ourense, tralo éxito acadado no encontro entre empresas ourensás e de Estados Unidos en 2016. Daquela, vinte empresas e representantes comerciais e institucionais de Estados Unidos mantiveron na provincia de Ourense encontros con cincuenta empresarios ourensáns para explorar canles de negocio nos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico-termal e de innovación. Precisamente, os resultados da dita misión empresarial, certificada polo Goberno USA e realizada pola Deputación de Ourense en colaboración coa Cámara de Comercio de Estados Unidos -que agrupa a máis de 250.000 empresas-, fan posible que xa se estea a traballar na segunda edición, «para a cal estamos a facer xestións co Goberno estadounidense e elaborando o programa de actividades, que estimamos desenvolver a mediados do vindeiro mes de xuño en diferentes puntos da provincia de Ourense», explicou Manuel Baltar.

Na reunión de hoxe, o presidente do goberno provincial e os directivos da Cámara de Comercio analizaron tamén os datos positivos de emprego na provincia de Ourense, que vén de presentar o Observatorio Económico Ourensán, ademais de propoñer levar a cabo accións conxuntas no que atinxe ao turismo e o termalismo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar