TVG: O filme “O descoñecido” e “Os Bolechas compiten nos Premios Céltic Media

As producións da Televisión de Galicia “O descoñecido” e “Os bolechas” competirán nos premios Celtic Media Festival, que se entregan na Illa de Man entre o 3 e o 5 de maio. O evento, que se celebra anualmente desde hai case 40 anos, está destinado a promover as linguas e culturas das nacións e rexións celtas nos medios de comunicación.

A longametraxe dirixida por Dani de la Torre “O descoñecido”, producida por Vaca Films xunto á TVG, La Ferme! Productions e Atresmedia Cine foi seleccionada na categoría de ‘Single Drama’, drama único de máis de 30 minutos, e competirá con “Brown Willy”, unha producción británica e “The Green Hollow” un filme producido pola BBC.

Pola súa banda, a serie “Os Bolechas” que emite a tvG2 dentro de “Xabarín Club” e de forma ininterrompida desde o ano 2012, compite na categoría de “Programa infantil” con outras catro producións: a escocesa “Down on the farm”, a serie científica irlandesa “¿Es Éolaí Mé?”, a serie multimedia “Llond Ceg” do Reino Unido e “Louzaoueg Anna”, destinada a descubrir a riqueza natural da Bretaña.

O Celtic Media Festival, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, combina conferencias, seminarios e clases maxistrais coa edición dos cobizados premios, nunha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único que reúne a profesionais consagrados con talento emerxente, para mostrar o que se está a facer nos territorios marcados pola cultura celta. Desde a súa creación en 1980, o festival celébrase cada primavera no corazón dunha das nacións e rexións celtas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar