Ourense, primeira provincia en contar cun «Plan provincial de turismo cultural e creativo»

A provincia de Ourense será a primeira de España en contar cun «Plan provincial de turismo cultural e creativo», «que permitirá desenvolver un modelo turístico cultural que dinamice social, cultural e economicamente a provincia de Ourense e aumente a competitividade da súa actividade turística». Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trala sinatura do convenio de colaboración formalizado entre a institución provincial e o Laboratorio de Patrimonio, Turismo Cultural e Creatividade da Universidade de Barcelona e Ibertur, a Rede de Patrimonio, Turismo e desenvolvemento Sostible, que levarán a cabo o deseño e desenvolvemento do plan. Manuel Baltar e o director do Laboratorio de Turismo Cultural, Jordi Tresserras, asinaron un acordo para a realización do plan, que contempla incrementar a repercusión dos beneficios no ámbito local, procurando un desenvolvemento turístico integrado coa actividade económica e respectuoso cos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense.

As liñas de actuación do plan inclúen, segundo explicou Baltar «potenciar a «marca Ourense» e as singularidades da provincia; crear e deseñar novos produtos de turismo cultural e creativo; captar novos segmentos turísticos; mellorar o desenvolvemento sostible; abrir novos mercados emisores; profesionalizar o sector e potenciar a cooperación empresarial e social, entre outros ámbitos de traballo.

O Plan provincial de turismo -cuxa elaboración foi aprobada no pasado pleno da Corporación provincial- terá entre as súas novidades a posta en valor dos dez puntos da provincia de Ourense de excepcional valor turístico e a elaboración dun plan de emprego que oferte unha atención especial a visitantes para eses dez puntos concretos.

O encargado de dirixir a redacción do plan, Jordi Tresserras, é director do Laboratorio de Patrimonio, Turismo Cultural e Creatividade (LABPATC), unha iniciativa spin-off universitaria de co-working en cultura e desenvolvemento, promovida por profesionais e estudantes de postgrao vinculados á Universidade de Barcelona. O laboratorio conta co apoio da rede Ibertur e impulsa un programa de investigación aplicada e promove a transferencia de coñecemento con institucións públicas e privadas, empresas e organismos internacionais no ámbito do patrimonio, os museos, o turismo cultural e a economía creativa. Na actualidade o LABPATC está a realizar o Plan de turismo da Comunidade Autónoma de Cataluña.

O obxectivo final do Plan provincial de turismo cultural e creativo de Ourense é garantir a competitividade de Ourense dentro do destino Galicia e incrementar a repercusión dos beneficios na sociedade local, procurando que a actividade turística se realice de maneira integrada. Innovación turística, novos produtos e atraer segmentos interesados en ámbitos especializados como o turismo activo, o «laranxa» e o cultural, o gastronómico ou o arqueolóxico, son liñas de acción nos que incidirá o plan.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar