30 anos de “Luar na Lubre” na Coruña

Hoxe, venres, inaugúrase na Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña a mostra ‘Luar na Lubre, unha viaxe de 30 anos’, unha exposición sobre o grupo da Coruña máis internacional que fai un percorrido por estas tres décadas de traxectoria.

Comisariada por Antonio Seijas, a mostra inaugurarase mañá venres 10 ás 20 horas nun acto ao que asistirán o concelleiro de Culturas da Coruña, Xosé Manuel Sande, e Bieito Romero, líder e un dos fundadores de Luar na Lubre.

Segundo Seijas, “esta mostra vén sendo unha sorte de álbum vivo das memorias dese camiño andado e cantado. Cartaces de concertos e actuacións míticas, obxectos, mapas, trofeos, lembranzas do máxico encontro con Mike Oldfield, discos, imaxes, sons e recordos das persoas que compartiron e comparten viaxe nese vehículo de música e almas que é Luar Na Lubre”.

Seijas pregúntase na mostra como se consegue esta traxectoria de 30 anos, algo “sinxelo de dicir pero nada sinxelo de acadar”: “Penso, con total certeza de non estar errado, que unha das cousas que ha de levar unha banda na súa maleta para poder facer todo ese camino de xeito exitoso é a paixón. E Luar Na Lubre demostra sobradamente a cada paso que dá que esa é unha das súas principais características. Unha música chea de alma, recollida nas raíces da nosa tradición, actualizada, pescudada por todo o escarpado verde mapa da nosa terra entre as memorias dos ancestros. Traballada, estudiada e modelada con paixón. E así a recibe a xente, porque é unha cualidade pura que se transmite por esa ponte directa que é a música”.

Xira por Península e México

Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, comezou en xaneiro en Compostela a súa xira de 30 aniversario que os está a levar por toda a Península (e tamén México): en marzo a Madrid e Porto (Portugal); en abril estarán en Guanajuato (México), en Miranda de Ebro e en Valladolid; en xuño en Barcelona e en Lisboa; en xullo en Pontevedra; en agosto en Lubián; en outubro en Barakaldo, en Cáceres e en Albacete; en novembro en Castelló; e en decembro en Logroño. E estas son as datas confirmadas: haberá máis!

Ademais da xira, Luar Na Lubre celebra a súa longa traxectoria cun dobre CD recopilatorio, con 15 temas cada un. Non é un recopilatorio tradicional, senón que vai máis alá e aporta unha colección diferente de temas “escondidos”, de tesouros “non habituais” pero non por iso menos sorprendentes que os seus grandes clásicos.

Luar Na Lubre foi premiada en numerosas ocasións con recoñecementos tanto a nivel galego e local, como a nivel estatal, con nove Premios da Música concedidos pola “Academia de las Artes y de la Música” ou cos dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas en cada un de eles. O primeiro deses discos (Plenilunio) foi entregado por Mike Oldfield na súa casa de Londres, e alí foi onde o músico británico versionou “O Son Do Ar” retitulándoo como “The song of the sun” e incluíndoo como track número 1 do seu álbum Voyager no ano 1996. Este momento foi transcendental para a historia da banda, xa que abriu a posibilidade de que a súa música fose coñecida por un público máis amplo.

E este é o momento que a banda elixe para sacar este novo CD de celebración e reafirmación, xa que non é un recopilatorio tradicional, senón que vai máis alá e aporta unha colección diferente de temas “escondidos”, de tesouros “non habituais” pero non por iso menos sorprendentes que os clásicos xa recoñecidos. E aí está a maxia precisamente, na capacidade de sorprender con músicas que forman parte desa traxectoria antes comentada, que brillan con luz propia e que albergan a sosegada tranquilidade que da o tempo.

Unha das sorpresas deste CD é unha versión do mítico tema “Fonte do Araño”, composta polo músico e creador galego Emilio Cao, considerado un dos mestres e guía do espírito da música de Luar Na Lubre; con unha visión diferente da orixinal pero que garda as esencias fundamentais da que compoñeu o autor. A colaboración de Ismael Serrano á voz, Nani García nos teclados e a Coral de Ruada nos coros, converten o tema nunha alquimia de sonoridades que non deixará indiferente a ninguén.

Outras novidades dentro deste recopilatorio/celebración de XXX Aniversario son as versións actualizadas de tres temas, xa gravados anteriormente en sendos traballos, como a clásica irlandesa “Morrison’s jig” da que o grupo fixo unha nova versión diferente coa forza de novos arranxos e a brillante colaboración do magnífico acordeonista galego Víctor Iglesias, o “O soldado desgraciado” con arranxos renovados e con nova sonoridade grazas ás posibilidades técnicas actuais, tamén “Dun tempo para sempre”, unha fermosa melodía feita sobre un poema inspirado na cultura celta.

E así, os anos van pasando de proxecto en proxecto, de concerto en concerto, e Luar Na Lubre continúa o seu camiño, facendo historia despaciño e con calma, formando parte da banda sonora de moitas vidas e tendo a capacidade de emocionar e de continuar avanzando en tempos convulsos e difíciles pero abertos á esperanza e a ilusión.

Un disco para celebrar a vida, que gustará aos incondicionais do grupo e que tamén atraerá a atención de aqueles que queiran achegarse a coñecer mellor o universo da música folk e tradicional.

Luar na Lubre son:

Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfona)

Belém Tajes (voz)

Antía Ameixeiras (violín)

Patxi Bermúdez (Bodhran, tambor, djembé)

Pedro Valero (guitarra acústica)

Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos)

Xan Cerqueiro (frautas)

Poden descargar fotos e mp3 aquí.

Videoclip: https://youtu.be/JzmhQUv1B7c

http://www.luarnalubre.com/xxxaniversario/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar