O longo e doente cabodano do PSdeG

O tempo transcorrido entre o mes de marzo do 2016 e marzo de 2017 é, sen dúbida, o ano máis difícil para o socialismo galego dende que se instaurou a democracia. Logo da dimisión do secretario xeral, por unha causa absolutamente persoal, a executiva federal do PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, nomeou unha xestora, que aínda hoxe segue presidindo o socialismo galego e ten unha gran responsabilidade neste longo e doente cabodano.

Un ano sen convocar aos órganos máximos do PSdeG. Sobre todo, o Comité Nacional Galego, composto por preto de 400 militantes elixidos en todo o territorio galego, máximo órgano de dirección entre congresos. Un ano no que se celebraron eleccións en Galicia e dúas veces en España, sen que se reunise a Comisión Nacional de Listas nin a Comisión Nacional de Garantías. Un ano, en definitiva, no que os resultados electorais, tanto a nivel nacional como en Galicia, bateron récords negativos, pasando a ser a terceira forza política no Parlamento Galego.

Por se a situación non fose o suficientemente grave, creáronse xestoras nas provincias de Lugo e A Coruña, incrementando o desconcerto.
Con este panorama é difícil crer que o Partido Socialista de Galicia siga inmerso nunha situación catatónica, vendo como medran os nosos problemas e incapaces de acadar ningunha solución. Polo contrario, seguen os mesmos tacticismos locais, provinciais e galegos, pensando máis na vida interna que en volver a ser un partido útil para Galicia.

Mentres outras organizacións políticas están traballando na estratexia das próximas eleccións municipais, o socialismo galego segue afondando na sangría interna e aumentando as liñas de fractura na súa organización. Entre outras causas, seguimos tendo unha xestora que representa a unha executiva federal que cesou hai catro meses, xerando un partido fragmentado en plataformas de apoio a favor … e contra …, que substituíu os seus órganos de debate polos comentarios nas redes sociais, case sempre insultando e descualificando ao seu adversario político.

¿Que máis ten que pasar para que todos e todas neste partido poñamos punto final a esta situación?

O que está en xogo non é quen gañe o próximo congreso federal, autonómico ou provincial; está en xogo a supervivencia do propio partido e sobre todo a recuperación da confianza da cidadanía.

Existe un risco real de fractura grave e irreversible que debemos conxurar entre todos, con xenerosidade, con cesións, poñendo o interese xeral por riba dos intereses individuais e locais.

Todos temos a obriga de traballar e facer achegas para que o PSdeG volva ao lugar que tivo sempre na política galega, coa ilusión de chegar a gobernar e transformar este país.

Non son tempos de tácticas persoais, de ocupar espazos para gardar a cadeira e de cálculos de curto recorrido. Son tempos difíciles nos que a única saída é o diálogo, a aposta a longo prazo por recuperar a ilusión nun proxecto compartido por todos os galegos, dende a esencia do espírito socialista e dende os valores que nos moven a militar neste partido.

Un ano despois, todos e cada un de nós temos que considerarnos responsables desta situación, individual e colectivamente, e poñer en marcha as canles para rematar esta situación tan grave.

Non chega con formulismos orgánicos; fan falla todos e todas, porque é posible reverter esta situación. É o momento de coincidir e non de competir, pois neste ano quedou claro que por este camiño non se vai a ningures.

Xuntemos a forza do partido: centos de concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas, deputados e deputadas, integrantes das executivas e militantes. Recuperemos os órganos galegos: o Comité Nacional. Convoquemos reunións para apoiarnos, non para insultarnos. Este é o camiño que temos que percorrer para volver a sentirnos orgullosos do PSdeG, e para volver a ser útiles a Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar