Hai 40 anos

O ano 1977 é o ano máis importante para o nacionalismo galego, pois teñen lugar os principais episodios das loitas populares das Encrobas, Baldaio e Xove. Xa sei que, hoxe, a moitas persoas non lles soarán para nada estes nomes que ecoaron ben tempo pola nosa xeografía. Outras, pronunciarán un ah de esquecidas, e aínda hai, ben o sei, quen criticará que veña eu agora con estra matrácola. Pois si, si, mesmo no nacionalismo hai quen pensa que para avanzar, non se sabe cara onde, é necesario desfacerse dese “nacionalismo resistencialista” que vive das lembranzas de batallas pasadas e aínda tamén doutros símbolos coma Castelao ou Rosalía.

Eu non coñezo a ningunha nación que se levantase sen símbolos, históricos ou inventados. Pero poida que haxa en Galiza quen se di nacionalista pero non queira construír unha nación. Poida.

As Encrobas, Baldaio e Xove foron e son un fito na historia do nacionalismo galego porque representan o claro reflexo da autoorgaización, pero, tamén, da axeitada dirección política protagonizada, neste caso, pola UPG. Porque non foron unha loita illada levada só polos veciños afectados, senón que se involucrou boa parte do pobo galego, desde Ortegal ao Miño: loitas nas que os estudantes de ERGA tiveron un papel senlleiro e o seu primeiro morto, Emilio Suárez.

“A terra é nosa e non de Fenosa” é aínda unha consigna que está viva coma se fose un grande lema publicitario.

Porque nas Encrobas, por vez primeira, o nacionalismo, concretamente, as Comisións Labregas, foron recoñecidas como interlocutoras válidas nun conflito. Porque en Baldaio a organización sindical levouse ás parroquias e porque en Xove é cando verdadeiramente nace o BN-PG, ou o que de aquí en diante se denominou popularmente “O Bloque”.

En Xove, o PCE, que viña de ser legalizado o día anterior, quixo tomar a manifestación contra a central nuclear convocada polas CC.LL. e así retomar un protagonismo que xa había anos que viña perdendo na Galiza. Ao non logralo, ausentouse xunto ao MCG, PTG e LCR. Os do PSG e APG, que se escindira semanas atrás da AN-PG, marcharon xuntos cara o cruceiro que se iría convertendo en viacrucis.

As demais forzas políticas estiveran tan ausentes coma nos conflitos sociais anteriores. Nin apareceron por alí nin ninguén as agardaba.

Hai que ter en conta un dato importante: viña de rachar semanas antes o Consello de Forzas Políticas Galegas.

Non foron estas só unhas loitas populares modélicas en Europa, senón unhas batallas gañadas pois conseguíronse as reivindicacións veciñais.

No seu día escribín: “cando unha revolta conta cun berro de combate, unha bandeira que ondear, xa está a medio camiño da vitoria”… Pero cumpre quen a levante.

 

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar