13 mil personas visitaron a 24 Mostra da Oportunidade en Expourense

A Mostra da Oportunidade volveu converterse na opción elixida por milleiros de persoas para realizar as mellores compas do ano aproveitando os descontos que ofrecían o cento de expositores dunha vintena de sectores e nas que destacaba a calidade dos produtos ofrecidos polo comercio local ourensán. A falta de contabilizar as últimas visitas desta tarde, a Mostra recibiu en tres días máis de 13.000 visitas procedentes de toda Galicia e norte de Portugal, fundamentalmente. A tarde de domingo foi a que contou con maior afluencia de público, sobre todo de familias con nenos que aproveitaron para facer compras e para gozar da área de lecer infantil instalada no recinto feiral.

A 24ª Mostra da Oportunidade, certame decano das feiras multisectoriais e de descontos en Galicia, pecha esta tarde as súas portas tras tres días de intensa actividade nos que se converteu nun dinamizador das vendas dos establecementos da provincia grazas á presenza, de forma asociada, de distintos centros comerciais como o de Ourense Centro, o Couto, Allariz, AGAECA de A Valenzá e Ourense Norte. Os comerciantes destes centros mostraron a súa satisfacción cos resultados de vendas obtidos nesta edición.

Dende Ourense Norte indicaron que “moita xente non coñecía as nosas tendas e preguntáronnos onde estamos coa intención de vir visitarnos tamén despois da feira”. O mesmo ocorre coa Asociación de A Valenzá, xa que unha das expositoras, Alejandra Rodríguez de Carussa, indicou que “A Mostra danos visibilidade ás tendas que estamos fóra da área comercial forte do centro da cidade de Ourense. Nós é o segundo ano que vimos e pensamos repetir porque nos foi moi ben e contamos aumentar as vendas a corto e medio prazo de xente que visitou o noso stand”. Tamén indica que “pasan por aquí miles de persoas e os expositores temos que movernos e intentar chamar a súa atención porque somos moitas as empresas que estamos expoñendo. Nós regalamos canastiñas con produtos de bebé a todas as embarazadas que se achegaron o stand”.

Ademais de captar novos clientes, a Mostra serve tamén para fidelizar aos que xa se teñen. Iste é o caso, por exemplo, da tenda “Trendtantra” que informou a todos os seus clientes na tenda e tamén a través das redes sociais de que ía estar na Mostra con prezos especiais e por iso “recibín moitas visitas de xente que xa me coñecía e sabe que produtos traballo pero tamén mercou xente que non nos coñecía”, indica Lucía, a súa xerente.

O téxtil e o calzado volveron ser os sectores con maior representación seguidos polo fogar e descanso. Hoxe era fácil atopar carteis de “Vendido” en colchóns, canapés e sofás. Eduardo Suárez, un dos expositores deste sector que acude cada ano indica que “esta cita é idónea para liquidar stock. Para nós é complicado vir porque temos que desprazar moito material e persoal durante tres días pero o resultado final é sempre bo e iso sempre nos anima a volver á Mostra”.

O balance da 24ª edición poderíase resumir así: gran calidade e variedade dos produtos ofrecidos, fidelidade do público, gran liquidación de stocks de tempada por parte dos expositores e os sectores con máis éxito, o téxtil e o fogar.

Expourense pecha así a segunda cita do seu calendario feiral. A vindeira feira será os días 3 e 4 de abril coa 7ª edición de VINIS TERRAE, Salón do Viños e Licores Galegos de Calidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar