Últimos días para presentar traballos ao Premio de Xornalismo «Xosé Aurelio Carracedo»

O vindeiro 16 de marzo remata o prazo para presentar traballos ao premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2017, un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo xornalístico –escrito, gráfico ou audiovisual- publicado no ano 2016 nun medio de comunicación galego ou referido a Galicia. O premio foi instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O galardón consiste nun único premio e a dotación será de 3.000 euros.

A este premio poden optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais. Os traballos que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou deberán referirse a Galicia, con data de publicación entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro do mesmo ano.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán representantes de: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Federación de Asociacións de Periodistas, Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, sendo o secretario do xurado, con voz pero sen voto, o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

O acto de entrega do premio terá lugar o día 3 de maio, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar