O Diario Oficial publica as axudas para os obradoiros de emprego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres a convocatoria de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixida a apoiar aos concellos para a posta en marcha dos obradoiros de emprego. Trátase dunha iniciativa que forma parte da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está incrementando as oportunidades laborais dos galegos, e que ten por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Esta convocatoria completarase proximamente cunha específica de obradoiros para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. Así, en global, o Goberno galego destinará este ano aos programas mixtos de formación e emprego 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada. Aos obradoiros de emprego poden optar os concellos e con esta iniciativa, tanto os xerais como os destinados á mocidade, estímase que se poidan beneficiar 1.600 desempregados.

A convocatoria deste ano inclúe diversas novidades como a ampliación da duración ata os 9 meses. Ata o de agora estes programas duraban un máximo de 6. Así mesmo, esta edición contarán con maior puntuación os concellos resultantes de fusións, aínda que tamén terán unha maior valoración os proxectos de concellos asociados. Primarase, ademais, os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda da Competitividade. Valorarase, así mesmo, a relación do proxecto co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción dos alumnos.

Para optar aos obradoiros terán preferencia os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar