Feijóo compromete 15 grandes proxectos con Santiago de Compostela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu 15 grandes proxectos para a cidade de Santiago e trasladou a necesidade de contar, en moitos deles, coa colaboración do Concello para levalos a cabo coa maior axilidade posible. “Estamos a falar de 15 proxectos moi ambiciosos desde o punto de vista económico, moi esixentes desde o punto de vista orzamentario e, para moitos deles, é clave a colaboración do Concello”, dixo, asegurando que todos este compromisos farán do Santiago do ano 2020 unha cidade máis cosmopolita, con mellores servizos sociais, educativos e sanitarios, con estacións de transporte público máis coordinadas e con máis e mellores infraestruturas.

Durante un encontro mantido hoxe co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Feijóo asegurou que a prioridade do Goberno galego é continuar mellorando os servizos públicos, e seguir traballando para que a recuperación se traduza en máis benestar para os cidadáns.

Como proba deste compromiso lembrou, a modo de exemplos, que os veciños contan desde a pasada lexislatura cun hospital público con mellores prestacións, cun novo centro de saúde en Galeras e con dúas novas escolas infantís –escola infantil do Tambre e escola infantil de Tras-Parlamento-. E, en materia de educación, afirmou que, desde 2009, se realizaron investimentos por máis de 7 millóns de euros para a construción do CEIP Ramón Cabanillas, as ampliacións do CEIP de Roxos e do Colexio Monte dos Postes, así como para levar a cabo numerosas reformas no IES Rosalía de Castro.

Así mesmo, destacou a posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Integral para a Discapacidade (CEGADI) e do centro de recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero. Xunto a isto, lembrou o incremento do servizo de atención ao fogar, un servizo que, segundo recordou, o Concello ten horas dispoñibles sen utilizar.

Para seguir avanzando nesta folla ruta, Feijóo valorou a disposición do Concello para facilitar os terreos nos que construír a nova residencia para maiores que, cun investimento superior aos 6 millóns de euros, contará con 120 prazas e 75 empregados. E co compromiso de continuar afondando no obxectivo de lista de espera cero para as familias que queiran unha praza de gardería, o responsable do Executivo autonómico avanzou o impulso dunha nova escola infantil, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega, que contará con 82 novas prazas, ademais de facer fincapé na utilidade do Bono Concilia e do Bono Coidado.

Na área educativa, destacou catro actuacións para a lexislatura: executar a ampliación do CEIP Lamas de Abade, cun investimento de dous millóns de euros, seguir fortalecendo o Campus Vida para fomentar a actividade investigadora, o compromiso dunha nova Facultade de Medicina e a ampliación do Hospital Clínico.

Sobre os dous últimos compromisos, Feijóo salientou a necesidade de definir con exactitude a dimensión do edificio da nova Facultade de Medicina e avanzou que a Xunta xa está a traballar no proxecto de ampliación do hospital.

Vivenda, infraestruturas, turismo e saneamento
No ámbito da vivenda, Feijóo reiterou a necesidade de que o Concello determine a situación axeitada para poder materializar a iniciativa de construír entre 40 e 60 novas vivendas de promoción pública. E, en materia de infraestruturas e mobilidade, ambos os dous mandatarios coincidiron no que se leva avanzado con actuacións tan importantes como: a finalización da conectividade con Noia, co corredor Brión-Noia; a Variante de Noia executada; a estrada Roxos-Portomouro mellorada; as actuacións de mellora no contorno urbano de Compostela ou o funcionamento do Plan de transporte metropolitano.

Avances que, segundo aseverou o presidente da Xunta, terán continuidade nestes anos coa futura Variante de Aradas, xa licitada e coa previsión de que as obras se inicien no verán; co enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, co proceso de expropiacións en marcha para que se comece a materializar esta actuación xunto coa ampliación da autopista impulsada por Fomento; e coa licitación da obra -entre maio e xuño- dun novo acceso da autoestrada cara ao barrio das Fontiñas.

No que respecta á estación intermodal, Feijóo lembrou que o proxecto básico da nova estación de autobuses xa está redactado, e pediu ao alcalde que axilice os trámites da súa competencia, para que avancen os accesos e a posta a disposición dos terreos.

O titular do Goberno galego resaltou tamén a aposta da Xunta polo Plan Senda, que se está a desenvolver xa na área de Compostela con 15 quilómetros previstos de itinerarios peonís ou en bicicleta.

O sector turístico foi un dos eixos principais da xuntanza, durante a cal repasaron os distintos proxectos que terán un impacto fundamental neste eido como: o Centro de Acollida ao Peregrino, xa en funcionamento; e o Bosque de Galicia, o Xardín Literario ou o Parque da Balea na Cidade da Cultura, xa consolidados.

Así mesmo, apostou por levar a cabo a restauración integral da Catedral de Santiago. “Necesitamos non só rehabilitar a Catedral por fóra, senón que nos gustaría tamén facer actuacións por dentro, non só no Pórtico da Gloria, senón noutras capelas anexas”, precisou, destacando tamén as obras de mellora e adecuación para a posta en valor das instalacións do Monte do Gozo, co obxectivo de que estean finalizadas este verán.

Sobre o novo programa de integración paisaxística dos camiños de Santiago, Feijóo resaltou a necesidade de que o Concello axilice as xestións urbanísticas necesarias para poder acometelo, coa finalidade de poder empezar as obras dalgunhas actuacións neste mesmo ano.

Outros dos asuntos abordados neste encontro foron as melloras previstas en materia de saneamento onde, ademais de continuar coas melloras na EDAR de Silvouta, expúxose a necesidade de pechar o cofinanciamento da nova depuradora de Santiago no Souto para poder licitar esta obra de forma inmediata.

Para seguir atraendo investimentos cara á comarca, Feijóo avanzou a intención de seguir facilitando investimentos no parque empresarial da Sionlla, constituíndo dereitos de superficie de 3 euros por metro cadrado ao ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar