O discreto encanto de Françoise Hardy

Os reprimidos machos ibéricos, con fedor a allo rustrido, desexábamos ceibarnos tras os Perineos, nesa Francia con arrecendo a Chanel 5. Suecas e francesas priorizaban o soño platónico dos ligues de praia e do autostop. O prototipo ideal era o da parisina, herdeira da simbólica republicana Marianne, abandeiradas do engaiolante charmais da envexada douce France, o de Françoise Hardy, mistérica, distante… Brigitte Bardot entra noutro catálogo. Por algo a corpulenta inmigrante Venus de Milo non conseguiu a nacionalidade gala.

Françoise Hardy foi a icona do pop, a imaxe global da multifacética, estridente ou harmoniosa xeración ye-ye, a dos sesenta. Educada, sensible, discreta, romántica, encarnada en «morfoloxía lonxiliña e andróxina». Alta, de cara ben debuxada, tentadores beizos carnosos e ollos transparentes, entre melena castaña, lisa, caída, a que move comedida, ao son da canción….. Aos setenta anos fendeu coa súa hermética discreción, fai memoria e confesa baixo o revirado título de La desesperación de los simios….y outras bagatelas, en alusión ao parque parasino de Bagatelle no que colle enerxía apertando aos xigantes árbores. Tampouco pasa nada se non se leen estas «bagatelas», a non ser romper con tópicos do papel couche. Biografía rica en referencias ás inquedanzas e ás músicas da mocidade do 68, a que propiciaría tantos cambios e mesmo conduciría aos dispendios desta espectacular sociedade consumista.

Nacida no 1944 entre as estrepitosas alarmas antiaéreas do fin da Guerra Mundial, a primeira de dúas irmás dunha familia modesta. Pai procedente de Normandía, empresario de calculadoras, despois dunha librería, como Cova de Alibaba para ás súas fillas, homosexual, desaparecido da casa, a non ser nas festividades; e a posesiva nai, afiliada ao partido comunista e pola que sentía un xeito de amor odio, natural da aldea de Aulnay sous Bois, con casa dos avós, de horta e xardín con recendentes rosas, cereixas, tomates e tarefas de amasar doces… Itaca na que purificarse e na que o mundo entraba a través dun aparato de radio.

A súa vida circunscribirase a un París rebuldeiro, a Aulnay, á alemá Insbruck e despois a Monticello na Balagne corsa, refuxio entre idas e voltas polo mundo con terror invencible ao avión… Madeira e a inesquecible estancia e longos paseos polos bosques de Sintra…

Nena fráxil, medoñenta aos insectos, que cae con frecuencia por iso alcumada Mademoiselle Poum aínda que con inicial vocación de trapecista e de bailarina, que a súa nai tenta reconducir pra secretaria ou enfermeira. Alumna no colexio das monxas trinitarias, vestida de saias plisadas de costureira caseira, recreos na soidade da capela do colexio, con terror ao público, nunca se sentiu animal escénico, do directo. De nena, xunto coa súa irmán e a fin de aprender alemán, pasou temporadas no Paraíso perdido de Plumeshof, aldea próxima a Insbruck , pousando en casa duns enxebres tiroleses independentistas. Alí leu e identificouse con Simone de Beauvoir, soñou co actor Peter Van Eyck e emocionábase con ese xeito de pregaria La rue s’allume interpretada por Cora Vaucaire. Atenta aos escaparates de discos, á música de Brenda Lee, Neil Sedaka, o de Oh Carol, Diana… a Cliff Richard…

O seu rumbo revira tras o regalo dunha guitarra por aprobar o bacharelato. Con ela expresará, tímida, elegante, melancólicos cavilares. Influenciada polo blues, o rock e a música brasileira.

As primeiras actuacións foron na radio, até o decisivo 1962, coa súa aparición nunha noite electoral na televisión francesa con Tous les garçons e les filles. Música en contraste con tanta algarabía rockeira. No 1964 matricúlase en Ciencias políticas na Sorbona, atraida platonicamente polo aposto Gautier, fillo menor de André Malraux, que pouco despois morrería nun accidente. Inicio sexual cun tunecino, logo atraída por Patrick Ali Pahlevi, sobriño do Sha… Segue o ronsel da súa estrela: preséntase a audicións, mellora técnicas no Petit Conservatoire de Mirelle, máis preocupada pola aptitude, polo xesto. Xeiras por Italia, onde admiraba e gustaba de Gianni Morandi, o Ramazotti de entón, di. Preséntase ao festival de San Remo, con Parlame di te, compite con Celentano, do que ambos saen sen éxito.

Embaixadora da moda francesa, das rockeiras «chupas», dos futuristas monos de aceiro de Paco Rabanne, algún de 16 quilos de peso e que pra arranxos cumprían mecánicos con alicates vidos de Londres. Viste tamén os deseños xeométricos e as minisaias de Courreges, os sobrios smokings de Yves Saint Lourent. Imaxe enxalzada polas fotos de Jean-Marie Périer, amigo e pigmalión. Inimitable, á que tampouco lle faltaron fracasadas sucedáneas.

Suspicaz, insatisfeita, acomplexada, mesmo confesa que se consideraba fea, contrariada tamén coa fama, cos intereses da industria musical, pero sen deixar a música proba outros camiños, a literatura e a produción musical. Asociada co selo discográfico Vogue co que tamén discrepará para pasar a crear iniciativas e editorial propia.

Páxinas biográficas polas que entramos na vida familiar dunha moza sen máis pretensións que cantar e contar pra si . Encontros con Mick Jagger, co The Beatles, a visita a Dalí e a Gala en Cadaqués, a relación co doutor Barnard, con Yves Montand, Ionesco, con Pompidou… A perdurable amizade coa súa colega Silvie Vartan, con George Moustaki con quen viaxa en agosto de 1969 ao festival da illa de Wight, a relación, en permanente crise, coa súa parella, o actor e cantante Jacques Dutronc, a quen coñece no 1961 por medio do seu fotógrafo e leal Périer e co que casa, como nun trámite serodio, no 1981 e que lle permite ampliar amizades, Godart, Spielberg….a súa devoción por Paul Anka, Dylan, Elvis, aos que escoita en concertos, aos que incluso lles escribe como simple admiradora; a colaboración con Erik Clapton quen, como outros, lle declara que era admirador dela. No 2005 coñece e eloxia a Julio Iglesias…. Asociase ás produtoras Sonopresse, colabora coa brasileira Tuca, cos compositores Tony Cox, Michel Berger, Serge Gainsbourg, Alain Souchon…Pasa polos estudos da Maisón Rouge, polos míticos de Abbey Road… Probou no cine, a lanzarse na superprodución de Hollywood con, 3 oscars, Gran Prix,1966, dirixida por Frankenheimer e, dixo alto, non seguiu.

Resúltalle difícil disociar entre amor e desexo sexual. Ten un fillo, Tom e un aborto involuntario. Asegura que dar un fillo ao mundo é unha gran responsabilidade, avoga polo control, ela que dende os dezaseis anos usou un DIU. Comproba, vive e critica os privilexios existentes nos servizos públicos franceses, mesmo na escola… Un xeito de conservadora libertaria que critica aos socialistas que proceden da clase burguesa e xogan á loita de clases, di. Maternal, que fai a comida na casa, que declara ser acusada de lepenista, antisemita, reaccionaria…cando odia todo dogmatismo e clama por transformar aos opostos en complementarios, unir as «afinidades de sentimentos e do corazón».

A súa irmá Michelle remata esquizofrénica. O alcohol, a droga, o suicidio entra tamén en escena. Defende a eutanasia e practícaa coa súa nai, da que entrega o cadáver á ciencia. Di que Deus está na beleza, no florecer de cada primavera, máis que na imaxe dun paternal velliño ditador. Acóllese á ecoloxía, á astronomía… coincide co psicomago Jodowsky e leva no seu bolso, a modo de amuleto, un péndulo. Agora, igualmente de ermitá, peitea cabelo curto, cano platino… parte do naufraxio que di ser a vellez. Entre simios de ultima xeración, tatuados e vestidos de roto, loita pola vida contra un linfoma e pon a esperanza no seu fillo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar