A TVG consolídase como a televisión autonómica máis vista en España

Control de realización da Televisión de Galicia.

A Televisión de Galicia consolídase como a canle autonómica máis vista en España ao rematar o mes de febreiro cos mellores datos de cota de pantalla entre as televisións da FORTA, como xa fixera o pasado mes de decembro en que superara por primeira vez a TV3. En concreto, a TVG acadou no total día unha cota de pantalla de 10,9%, o que representa tres décimas máis que a seguinte, que volve ser a canle catalá.
Por outra parte, a Televisión de Galicia foi a segunda canle máis seguida polas galegas e galegos no horario de prime time, en que rexistrou unha cota ou share do 11,4% de media mensual, superando a Antena 3 e La1 e só por detrás de Telecinco. Ademais, a televisión pública foi de novo a preferida polos espectadores na faixa informativa do mediodía, en que se sitúa como líder absoluta cunha cota do 23,2%, dez puntos por riba da segunda, Antena 3.

A programación da fin de semana de TVG ten tamén o apoio da audiencia, que a tivo como primeira opción tanto os sábados coma os domingos ao longo do pasado mes.

A canle pública galega mellora en catro décimas os seus datos de audiencia no total día respecto a xaneiro. En termos interanuais, só a Televisión de Galicia, cun incremento de 1,1 puntos, e Antena 3 conseguiron aumentar o seu share.

Ademais, a segunda canle da TVG acadou en febreiro un 0,7%, co que o total das canles da Televisión de Galicia sumaron un 11,6%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar