O Consorcio de Santiago arranxa o lousado da rúa San Francisco

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de eliminación de barreiras arquitectónicas no lousado da rúa San Francisco, por un importe global de 10.196,72 euros á empresa Actividades de Construcción, Edificación y Viales, S.L. (ACEVI). O prazo previsto de execución das obras é de cinco semanas.

Esta intervención, promovida polo Consorcio de Santiago por encomenda do Concello, alterará lixeiramente a rasante da rúa, de xeito que o banzo onde tantos peóns tropezaron nos últimos anos desapareza para sempre. Está previsto reaproveitar todas as lousas existentes na actualidade, aportando unicamente as pezas especiais que servirán para definir o novo arranque da rampla de acceso ao histórico corredor peonil elevado que discorre polo lado leste da rúa San Francisco. “A finalidade é alterar o máis mínimo posible a rasante da rúa neste punto, realizando a menor obra necesaria co obxeto estrito de eliminar o banzo no que tropezan os viandantes” -sinalan dende o Consorcio-.

Dende o Consorcio explican que no acceso á rúa San Francisco, polo que pode considerarse acceso principal á cidade histórica dende a dársena de Xoán XXIII de decenas de miles de visitantes todos os anos, xusto ao lado da rampla de acceso ao corredor superior que discorre polo lado leste da rúa, hai un chanzo adxacente a un dos bolardos que controlan a entrada de vehículos cara á Praza do Obradoiro. Este banzo tivo orixinalmente a finalidade de delimitar a área peonil de acceso á rúa e á rampla do corredor superior, protexendo aos peóns. Pero co tempo demostrouse ser moi perigoso para o deambular dos peóns, provocando frecuentes tropezóns e caídas. “Por outro lado, na actualidade está instalado o sistema de xestión de acceso de automóbiles á rúa San Francisco, o que reforza o carácter peonil da rúa e, polo tanto, descarta a necesidade de delimitar o espazo peonil que no seu día motivou a modificación da rasante da rúa neste punto” -indican-.

Debido á súa situación e visibilidade, a Oficina Técnica do Consorcio pretende que as obras estean rematadas antes de Semana Santa. Así, requerirase á empresa ACEVI que preste especial atención á imaxe pública da actuación e a súa interferencia no uso do espazo público, tratando de minorar as molestias e inconvenientes que puidesen provocarse tanto aos cidadáns como aos comerciantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar