Deputación de Ourense e CEO impulsan a internacionalización co plan «Exportou»

 

 

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense impulsan a internacionalización das empresas de Ourense coa posta en marcha do Plan «Exportou». Esta iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado esta mañá, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, co fin de trazar as liñas de actuación a levar a cabo durante o ano 2017.A Deputación de Ourense xa ven colaborando coa CEO para desenvolver determinados proxectos e, este ano, «plantexamos este ambicioso plan de apoio á internacionalización ás empresas de Ourense, «Exportou», para o cal o goberno provincial vai destinar unha axuda de 100.000 euros, que será aprobada na sesión plenaria correspondente ao mes de abril», explicou Manuel Baltar.

O Plan «Exportou» pretende, a través da realización de diversas actuacións a desenvolver ao longo deste ano, apoiar a internacionalización das empresas de Ourense, «unha iniciativa que a Deputación de Ourense vén materializando nos últimos anos, como coa Misión comercial USA-Ourense, avalada polo goberno estadounidense, no ano 2016, froito das conversas que mantivemos co empresariado de Ourense», dixo o presidente da Deputación de Ourense.

Baltar adiantou que este ano «imos poñer en marcha unha Misión Empresarial a Israel, promovida pola Deputación de Ourense, no mes de maio, froito dunha xuntanza que mantivemos no Pazo Provincial con representantes de entidades empresariais e con empresas da provincia. Trátase de levar a cabo iniciativas entre todos para xerar en Ourense un espazo de desenvolvemento económico e empresarial».

O presidente da CEO, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, explicou que este Plan vai dirixido a: «asesorar e acompañar ás empresas que nunca exportaron para que se inicien no camiño da internacionalización e, por outra parte, a axudar a aquelas empresas que xa están hoxe a exportar, a incrementar os seus mercados e as súas relacións no exterior».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar