O “Luar” acolle hoxe os premios de gastronomía de Galicia

O programa “Luar” será este venres o escenario da entrega dos Premios de Gastronomía de Galicia e dos Premios Nacionais de Xornalismo Gastronómico. Na véspera da Feira do Cocido, que se celebra o domingo en Lalín, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso aderezará as actuacións musicais coa entrega destes galardóns que recoñecen profesionais e empresas do mundo da gastronomía e mais os mellores traballos de difusión neste ámbito.
O programa contará coa presenza de dous dos grandes referentes da música en galego como Luis Emilio Batallán e o grupo A Roda. O cantautor compostelán visita o programa para interpretar “Quen poidera namorala”, un dos temas máis coñecidos do seu mítico disco “Aí vén o maio”, que foi publicado hai corenta anos e que aínda ten o récord de vendas da música en galego, pero tamén presentará aos espectadores unha canción do seu novo traballo titulado “29 e 70” en que cambia o rexistro incorporando ritmos clásicos latinos. Pola súa parte, A Roda lembrará temas do seu repertorio que se teñen convertido en himnos como “Pousa, pousa” ou “Miudiño”.
As agrupacións musicais de Lalín terán un protagonismo especial nesta edición de “Luar”. Así, ademais do propio Luis Emilio Batallán, que ten unha estreita vinculación familiar coa capital do Deza, o programa convida ao escenario a Charanga Ardores, De Perdidos al Trío ou da Banda de Gaitas Carballo da Manteiga.
O programa deste venres contará tamén coas actuacións de El Consorcio; do cuarteto catalán Las Migas, que fusionan diferentes estilos musicais inspirados en músicas mediterráneas; do grupo portugués da compañía de ballet Los Vivancos ou a cantante e actriz francesa Marlene Mourreau.
Os espectadores da TVG tamén coñecerán a orixinal proposta do grupo portugués Ha lobos sem ser na serra en que se unen tres músicos do Alentejo que interpretan melodias desta rexión e un artista visual. A Orquestra Marbella, o humor de Ramiro e Venancio, os pulsos de Roberto Rodríguez que, nesta ocasión, retará a Los Vivancos e as seccións habituais Luar de Mel, Leña á Ferreña e Recantos completan o programa.

 

GALICIA ON

A Televisión de Galicia estreará este venres un novo programa dedicado á innovación nos sectores produtivos galegos, “Galicia On”. O espazo divulgativo, que se emitirá ás 11.45 h., presentará en cada entrega dúas empresas que destaquen polo carácter innovador dos seus productos ou servizos, indagando nos seus antecedentes e profundando na clave do seu éxito. No primeiro capítulo, os espectadores descubrirán como un alimento tan tradicional como a castaña pode transformarse nun produto innovador. Ademais, o programa recollerá valoracións dos consumidores.

 

A REVISTA

O programa “A Revista” estará en directo en Santiago, no CEIP Lamas de Abade, onde se celebra a Mostra do Entroido, na que haberá disfraces e actividades. Este ano contarán cunha representación escolar do tradicional entroido de Laza, que amosará a figura dos peliqueiros. Os reporteiros tamén estarán en Lugo, no Festival Candeloria, no que actuarán grupos como Talco, Ruxe Ruxe, Gatillazo e Rebeliom do inframundo.

Ademais, a presentadora Laura Peña entrevistará no estudio a dous recoñecidos neurólogos, Manuel Arias e María Jesús Sobrido, ambos especialistas de la Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do CHUS, designados recentemente, xunto con outros dous galegos, coordinadores da Sociedade Española de Neuroloxía

tvG2
ZIGZAG DIARIO

“Zigzag Diario” convida este venres ao estudio a actriz Luma Gómez para sumarse á celebración do trinta aniversario de Teatro do Noroeste. A compañía que levou ao escenario máis de corenta montaxes inspiradas en textos clásicos como “Rei Lear” ou “Macbeth” e outros contemporáneos como “Unha rosa é unha rosa”, de Suso Toro, celebra a efeméride coa estrea dunha nova produción “Estado de Graza”, coa que completa unha serie de obras relacionadas coa memoria histórica e que pode verse ata o domingo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Ademais, o programa cultural da tvG2 recolle a pegada que deixaron as obras representadas no Festival Escenas do Cambio na Cidade da Cultura, entre elas as montaxes das compañías galegas Matarile e Chévere, e mais a estrea en Galicia de “Introducing the star”, de Federico Strate, unhas das propostas máis innovadoras do momento no mundo das artes escénicas.

MINUTADO do 17/02/2017 da TELEVISIÓN DE GALICIA

08:00
BOS DÍAS

Presentan Marta Darriba e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. Inclúe o espazo “Faladoiro”, hoxe cos xornalistas Pablo Acción, María Méndez e María Val.
10:35
A COCIÑA DE ANDRÉ “Guiso de lentellas con albóndegas”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e o seu atractivo.
11:00
O FARO Cap. 107

Serie. A reacción de Rosa ante a chegada do bebé á súa casa será sorprendente, mentres Lidia cre que xa chegou o momento de facer recordar a Santiago. Acudirá á comisaría a declarar? Atreverase a ver a Lucía no cárcere? Pola súa parte, Carme quere saír xa da residencia.
11:55
GALICIA ON

A Televisión de Galicia estrea este venres un novo programa dedicado á innovación nos sectores produtivos galegos, “Galicia On”. No primeiro capítulo, os espectadores descubrirán como un alimento tan tradicional na nosa dieta e na nosa economía como a castaña pode transformarse e converterse nun produto novidoso para o mercado. Ademais de explicar polo miúdo o proceso, o programa recollerá as valoracións dos consumidores.
12:25
A REVISTA

Revista da actualidade informativa de Galicia con conexións en directo, reportaxes e entrevistas. Presenta Laura Peña. Inclúe “Adiantos Informativos” e “O Agro”, presentados por Irene Lamas.
13:45
CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.
13:50
GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Informativo de proximidade. Presenta Ana Pérez. Durante media hora achéganlle á audiencia as noticias máis próximas que aconteceron no día.
14:25
TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Marga Pazos. Carlos Macía encárgase da información deportiva.
15:35
O TEMPO
15:50
FONTEALBA Cap. 105

Serie que narra os conflitos da adiñeirada familia Douro. O pronto que Gonzalo tivo con Andrés pódelle traer moitos desgustos. Luís e Amalia teñen dificultades para agochar o segredo da operación de Luís aos seus fillos, especialmente a Asun, que está moi preocupada. Lourdes, cada vez máis unida a Roberto cre que as condicións de Aurora no contrato de divorcio son unha tomadura de pelo. Non son os únicos que comezan a unirse, xa que as visitas de Mati a Fonso son cada vez máis frecuentes.
16:35
PADRE CASARES Cap. 116: “A febre da auga”

Serie galega de ficción, en que o padre Horacio Casares, formado nun moderno seminario xesuíta, chega a Louredo, unha pequena vila da costa a substituír o vello padre Crisanto, un home que levaba toda a vida nese lugar.
17:40
TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.
18:45
REPORTAXES ACTUALIZADOS “Colgados no ceo”

Serie de axustes extraídos do programa ACTUALIZAD@S.
18:55
ÁREA PÚBLICA

Presentado por Susana López, é un programa pegado de cheo á actualidade do día, con conexións en directo cos puntos onde se estea a producir a esa hora a noticia e coa presenza de convidados e entrevistas en directo.
20:25
INFORMACIONS ESTADO DO MAR
20:30
GALICIA NOTICIAS SERÁN

Presenta Beatriz Moyano.
21:00
TELEXORNAL SERÁN

Presenta Carlos F. Amado. A información deportiva corre a cargo de Alfonso Hermida.
21:50
O TEMPO
22:00
LUAR “23º Premios Gastronómicos Álvaro Cunqueiro”

Musical presentado por Xosé Ramón Gayoso. Ofrece humor, concursos e as actuacións máis destacadas da música galega e nacional.
O programa “Luar” será este venres o escenario da entrega dos Premios de Gastronomía de Galicia e dos Premios Nacionais de Periodismo Gastronómico.
Na véspera da Feira do Cocido que se celebra o vindeiro domingo en Lalín, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso aderezará as actuacións musicais coa entrega destes galardóns que recoñecen profesionais e empresas do mundo da gastronomía e mais os mellores traballos de difusión neste ámbito.
01:35
LUAR REMIX
04:40
TELEXORNAL NOITE

Último informativo do día que inclúe as noticias galegas, nacionais e internacionais máis salientables do día.
04:50
SONS NA NOITE
05:00
A REVISTA (Rep.)
06:10
NOITE DE JAZZ
06:35
ÁREA PÚBLICA (Rep.)


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto