O Arde Lvcvs MMXVII xa conta con cartel anunciador

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este luns o cartel anunciador do Arde Lvcvs MMXVII,que estará protagonizado por distintos elementos característicos dos festexos, como son o lume ou a Muralla. Este cartel será a imaxe oficial desta festa declarada de Interese Turístico Galego, que este ano se celebrará os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo.

O deseño gañador, En llamas, obra do coruñés Simón Agulla Alonso, foi seleccionado por un xurado profesional do que formaron parte os fotógrafos, José Reigosa e Pepe Álvez, e os deseñadores gráficos, Julio César Seijas e Lucía Barrio. O fallo produciuse na Casa da Xuventude, onde se exporán os 48 traballos presentados ao concurso convocado polo Concello. O cartel gañador recibirá un premio de 1.000 euros.

Previamente, do 18 ao 24 de febreiro o Concello tivo aberto o prazo de votación popular para que a cidadanía escollese os dez traballos finalistas, entre os que o xurado profesional escolleu a obra gañadora desta edición.

Carmen Basadre amosou a súa satisfacción pola alta participación neste certame, que no proceso de votación popular a través da páxina oficial en Facebook chegou a preto de 11.000 votos e a publicación tivo un alcance de máis de 163.000 persoas.

Para máis información sobre o Arde Lvcvs, pódese consultar a páxina web www.ardelucus.com e as contas oficiais nas redes sociais facebook, twitter, instagram e youtube.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto