Centos de persoas no Día de Rosalía en Santiago a Padrón

Pola mañá celebrouse no Hostal dos Reis Católicos o acto institucional do Día de Rosalía, no que se leron e mesmo interpretaron dramaticamente poemas de Rosalía, ademais da actuación de das pandereteiras galego-belgas Ialma e os gaiteiros Carapaus.

A Fundación Rosalía primeiro visitou, xunto co alcalde da cidade e outras autoridades, a estatua da Alameda, onde lle fixo unha ofrenda de flores. E, a continuación, en comitiva, foron para o Hostal dos Reis Católicos, onde se bautizou a poeta hai hoxe 180 anos, sendo rexistrada como unha nena de pais descoñecidos no hospital que naquel momento era.

Alí, nun acto no que actuaron as Ialma e os Carapaus, Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía- agradeceu a institucións, asociacións e colectivos que estaban presentes e cos que colaboran ao longo de todo o ano. Participaron lendo poemas o alcalde de Compostela, Martiño Noriega; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Rianxo e Padrón; Margarita Ledo, da RAG; representantes do Puntogal, das fundacións Curros Enríquez e Eduardo Pondal, mariñeiros, pementeiras e estudantes do Instituto Rosalía de Castro.

E o momento especial da mañá foi a dramatización dun poema de Rosalía sobre a emigración a cargo de dous nenos da Fundación Pondal.

En Padrón

Ás 13 horas houbo unha homenaxe na estatua de Rosalía en Padrón, con lectura de poemas a cargo de nenos e mozos e unha ofrenda de flores. E logo a comitiva percorreu o centro da vila para probar o “Caldo de Gloria”.

A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha o ‘Caldo de Gloria’, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

Todos os locais da hostalería de Padrón unironse o 24 de febreiro a esta celebración, ofrecendo o ‘Caldo de Gloria’, e desde a Fundación Rosalía convidamos a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto