A Deputación de Ourense, líder en e-Administración en Galicia

A Deputación de Ourense presentou un novidoso sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos, que sitúa á institución provincial como líder dos gobernos provinciais en Galicia en e-Administración. Este proxecto, dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes, mancomunidades, consorcios provinciais e á entidade local menor de Berán, “é un novo servizo que poñemos a disposición destes entes da provincia de Ourense, sempre coa máxima da cooperación e da innovación, apostando por un goberno aberto, pola redución do gasto público, e pola excelencia e a eficiencia na xestión”, explicou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación deste programa, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa presenza de alcaldes, técnicos e representantes locais da provincia de Ourense.

Desta maneira, a Deputación de Ourense sitúase na vangarda dos gobernos provinciais de España en modernización da xestión pública, e dará un paso máis sendo tamén a primeira en implantar o voto telemático nos plenos.

Manuel Baltar dixo que esta ferramenta tecnolóxica “permitirá realizar a tramitación integral dos procedementos administrativos”, co obxectivo de ir cara ao “papel cero” no que atinxe aos trámites da administración local na provincia de Ourense”. Para este proxecto de cooperación cos concellos -por medio do cal o goberno provincial persegue a completa instalación da administración electrónica na provincia de Ourense- a Deputación , co-financiará a adquisición da licenza de uso da plataforma electrónica TAO 2.0. Baltar explicou que se establecen unha serie de tramos por número de poboación entre os concellos da provincia: “Co-financiaremos un 90% aos municipios de menos de 1.000 habitantes, un 70% aos de entre 1.000 e 2.000 habitantes, un 50% aos de entre 2.001 e 5.000 habitantes, un 30% aos de 5.001 e 10.000 habitantes, e un 20% aos de máis de 10.000 habitantes”.

O presidente provincial agradeceu a presenza no acto dos representantes municipais, “pois entre todos contribuímos a facer máis na nosa provincia ao servizos dos cidadáns”. E tamén adiantou que nunha semana reunirase en Ourense o Comité Técnico de Partenalia -a organización internacional de gobernos locais intermedios de Europa- “para coñecer dous dos proxectos que estamos a desenvolver: o Observatorio Económico Ourensán e o de “Provincia Intelixente”, iniciativa esta creada por Manuel Baltar co obxectivo de impulsar en todo o territorio provincial unha auténtica rede, coa tecnoloxía como aliada, que permita unha eficiencia modélica en competencias municipais que a Deputación exerce vía delegación, e que abrangue, entre outras iniciativas, o acordo con Vodafone e IBM para a posta en marcha en Ourense dun Centro Tecnolóxico.

No acto de hoxe tamén participaron o representante de T-Systems, Alejandro Crespo, e o secretario da Deputación, Francisco Cacharro, quen explicaron os aspectos técnicos do programa. Cacharro dixo que hai “tres elementos que permiten pasar do papel á tramitación electrónica: crear unha ferramenta tecnolóxica que dea soporte, formar ao persoal nesta materia, e contar cunha ordenanza municipal en administración electrónica.

Alejandro Crespo explicou que este sistema “pretende aglutinar todos os procesos para conseguir un expediente electrónico 100% e a eliminación total do papel. Para elo, fixamos unha xestión electrónica dos procesos dos expedientes, do ciclo de vida dos mesmos e da vida útil dos documentos para que calquera sexa reutilizable”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto