A Mostra da Oportunidade chega a Expourense na sua 24 edición

 

 

A Mostra da Oportunidade chega a súa 24ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán a Expourense, entre o venres 3 e o domingo 5 de marzo, nun gran centro comercial que servirá para poñer o punto final ao período de rebaixas da tempada. O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área de influencia habitual. A Mostra é unha cita moi consolidada que conta cun alto índice de fidelidade tanto por parte do expositor como por parte do público que busca realizar as mellores compras do ano.

 

Esta 24ª Mosra da Oportunidade foi presentada nun acto no que participaron representantes dos centros comerciais da cidade de Ourense e comarca: o presidente do CC. Couto Centro, Justo Antonio Taín; a xerente do CC. Ourense Norte, Rebeca Moreira; a representante de AGAECA de A Valenzá, Alejandra Rodríguez; a responsable de comunicación da Federación de Comercio de Ourense, Noelia Lage e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Esta última foi quen deu os datos técnicos desta cita na que “os expositores virán con ofertas excepcionais xa que, segundo indican dende o sector, a tempada de rebaixas non terminou de cubrir as expectativas, o que vai levar a que veñan con bo produto a prezos moi competititvos”.

Preséntase unha feira cun cento de expositores que ofrecerán os prezos máis competitivos nunha vintena de sectores. A moda volverá contar coa maior representación nesta cita, sumando máis do 50% dos expositores entre téxtil, calzado, pel, lencería, mercería, bixutería e complementos, destacando a oferta en roupa e calzado infantil. O fogar, con ampla variedade en moble, decoración, descanso ou menaxe ocupa o segundo lugar seguido por outros sectores como a xardinería ou aalimentación. Como novidade nesta edición, haberá expositores vencellados coa fotografía, a moda nupcial e cerimonia e tamén coas motos e karts.

CENTROS COMERCIAIS

Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha edición máis unha acción especial que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, contará coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións fundamentalmente de Ourense e comarca como as de Ourense Centro, do Couto e a Asociación de Comerciantes deAllariz. Repiten, por segundo ano consecutivo, a Asociación de Comerciantes Ourense Norte e a AGAECA de A Valenzá. Os establecementos asociados contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade que nos últimos anos se ten convertido nun escaparate que promove a calidade do produto e o coidado na atención ó cliente cos que este sector traballa.

Por outra parte, o público que acuda á Mostra terá a opción de, nunha mesma visita, con comodidade e sen apenas desprazarse, elixir entre moitas propostas de produtos a prezos especiais e, ademais, atopar artigos que non sempre están presentes nas canles habituais de venda.

Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. O prezo de entrada á Mostra será de 1 euro nenos de ata 12 anos gratis. Haberá ademais sorteos entre os visitantes de estancias en casa de turismo rural de Galicia.

A Mostra ofrece ademais aparcamento gratuíto e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia. O venres pola tarde estará adicado aos nenos e aqueles que presenten un ticket de compra superior aos 15 euros, poderán obter un pase para gozar nesta zona infantil.

Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade, entre o 3 e 5 de marzo, poden beneficiarse dun 35% de desconto en RENFE. Máis información en www.expourense.org, na sección dedicada a esta cita.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar