Roteiro literario de Carlos Casares en Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación oficial deste percorrido polos principais lugares nos que viviu o escritor e que aparecen sinalizadas con 20 placas de cerámica nas que se reproducen diversos fragmentos da súa obra.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que este roteiro ofrece a oportunidade de trasladarnos ao Ourense da infancia e xuventude do polifacético autor, ás rúas onde se forxou como persoa e como escritor. Foi precisamente nesta cidade onde Carlos Casares se iniciou na fascinación pola lectura e polo xornalismo, e onde comezou os seus primeiros contactos destacadas figuras do galeguismo histórico, entre eles Vicente Risco.

Román Rodríguez destacou as múltiples facetas de Casares como novelista, biógrafo, tradutor, xornalista, profesor, editor e xestor cultural, entre outros; pero sobre todo, subliñou o seu espírito de diálogo e a defensa dun galeguismo “integrador, construtivo e respectuoso”.

Concibido polo tamén escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, e co apoio da Fundación Carlos Casares, do Concello de Ourense e da Consellería de Cultura e Educación, o percorrido arranca no parque de San Lázaro, enfronte ao hotel Parque, onde o autor coñeceu a Risco, e pasa por outros puntos do casco histórico da cidade, pola praza Maior, e polo Seminario (onde Casares estudou), entre outros. O roteiro complétase coa edición de 2.500 folletos explicativos sobre o escritor.

A iniciativa forma parte da ampla programación que se desenvolverá ao longo deste ano sobre a figura de Carlos Casares e que abrangue exposicións itinerantes, lecturas públicas, ciclos de faladoiros, iniciativas en internet, simposios, edicións conmemorativas das súas obras e actividades de dinamización lingüística, entre outros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar