Ourense:Pola reinserción sociolaboral

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha xuntanza de traballo coa presidenta da Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), Raquel Crespo, para coñecer o traballo desenvolvido por esta entidade o pasado ano e avaliar posibles liñas de colaboración nos proxectos que ten para 2017.

Durante o encontro abordáronse distintas cuestións, como a posibilidade de renovar a colaboración que nos últimos tempos a Administración autonómica ven mantendo con esta entidade. Así, Díaz Mouteira subliñou que nos últimos cinco anos APES recibiu achegas que superan os 150.000 euros ao abeiro de distintas ordes da Consellería de Política Social, a través da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Dirección xeral de Inclusión Social.

Dende 2008, data da súa constitución, APES é unha asociación que apoia os procesos de reinserción sociolaboral de persoas reclusas para evitar que volvan a delinquir, e desenvolve proxectos que tratan de abrir vías de comunicación entre o cárcere e a sociedade, amais de reducir o potencial da delincuencia e as súas causas dende a infancia promovendo accións que conxugan educación, prevención e reinserción. Actualmente desenvolve proxectos de educación en cinco centros educativos da provincia, amais de colaborar puntualmente con distintos colexios e entidades da provincia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar