ABANCA obtivo un beneficio neto de 333 millóns

– Presentación de resultados en 201

– Datos consolidados do exercicio de 2016

 

ABANCA obtivo en 2016 un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, un 1% máis respecto ao ano anterior. As bases do exercicio son o crecemento rendible do negocio minorista, que permite incrementar un 12% a marxe comercial recorrente e a mellora da calidade do risco, medida por unha taxa de morosidade do 6,8%.

A entidade rexistrou unha boa evolución nas principais liñas do negocio, con crecementos dun 3,8% do crédito -focalizado principalmente no circulante a empresas e autónomos- e dun 4,5% de captación de recursos de clientes.

En 2016 tamén destacou o dinamismo na comercialización de produtos e servizos de valor engadido, que crecen un 12%.

O bo comportamento destas liñas contribuíu ao importante incremento obtido nos ingresos por prestación por servizos, que avanzan un 5,9% interanual, unha das taxas máis elevadas do sector.

ABANCA mantén a súa fortaleza en termos de solvencia, cunha ratio de capital CET 1 do 14,7%, cunha ampla folgura respecto dos requirimentos esixidos por Banco Central Europeo.

Así mesmo, o banco mellora a súa folgada posición de liquidez, que evidencia unha sólida estrutura de financiamento. O banco mantén unha ratio de créditos sobre depósitos do 91%, colocando o excedente en activos de máxima calidade e liquidez.

Crecemento rendible

O resultado antes de impostos alcanzou os 358,8 millóns de euros, un 3% máis que no exercicio de 2015. Esta cifra permite elevar a rendibilidade do banco (ROTE) ata o 9,7%, unha das taxas máis elevadas do sector.

A marxe comercial recorrente mantén un ritmo positivo e experimentou un incremento do 12% interanual, a pesar da forte caída do euríbor e a non aplicación de cláusulas chan na carteira de préstamos hipotecarios desde maio de 2013.

O aumento do volume de investimento crediticio e o efecto prezos, cunha maior marxe nas formalizacións, foron determinantes no crecemento do resultado ordinario da entidade motivado en gran parte polo mix de produto de nova produción orientado a micropemes, autónomos e comercios.

Deste xeito, a entidade supera os efectos negativos dos baixos tipos de interés e dos bonos SAREB para marcar unha clara tendencia de mellora. En 2017 espera rexistrar xa unha variación positiva nesta liña.

O banco continúa impulsando o negocio de fóra de balance, no marco da súa estratexia para diversificar fontes de rendibilidade no actual escenario de tipos. A comercialización de produtos e servizos de valor engadido posibilitou un crecemento nos ingresos por servizos dun 5,9%, ata alcanzar os 152 millóns de euros, o que sitúa a ABANCA como a segunda entidade que máis crece neste capítulo.

Paralelamente, os gastos de explotación reducíronse un 11,9% como consecuencia das medidas de eficiencia adoptadas polo banco. Este aforro comportou unha mellora da produtividade, que crece un 6,0% no ano.

Mellora das principais liñas de negocio

ABANCA seguiu reforzando en 2016 a súa posición no mercado minorista, eixo da súa actividade. A entidade incrementou un 3,8% o volume do crédito, mentres no conxunto do sector reduciuse un -0,5% (datos a novembro 2016). Deste xeito, a entidade gaña 12 puntos básicos de cota de mercado no ámbito nacional.

O tipo das novas formalizacións sitúase 38 puntos básicos por encima do da carteira de créditos, sostendo a rexeneración da marxe financeira comercial.

O total do volume financiado por ABANCA supera os 13.000 millóns de euros, un 13,5% máis que no ano anterior. As pemes e autónomos mantéñense como os principais destinatarios do novo crédito concedido por ABANCA. A entidade incrementou un 27% o novo financiamento de circulante para empresas, con máis de 3.000 millóns concedidos.

A captación de recursos tamén experimentou crecementos durante o ano pasado, cun avance do 4,5%. O incremento nos depósitos foi do 3,3%, cun aumento do 18,6% en saldos á vista.

O patrimonio en fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro creceu un 12,2%, ata situarse en 4.797 millóns de euros.

As vendas de seguros rexistraron un incremento do 33,3%, destacando a evolución da nova produción de seguros de auto e empresas ambas superiores ao 50%.

Captación de novos clientes

Os incrementos máis destacados da base de clientes rexistráronse nos menores de 26 anos e o segmento de empresas e autónomos. Por outra banda, as nóminas domiciliadas creceron un 4%.

A boa evolución do negocio permitiu a ABANCA seguir gañando cota de mercado. A entidade avanzou 12 puntos básicos en cota de volume de negocio en España durante o ano pasado, en liña coa súa estratexia de diversificación xeográfica fóra da zona noroeste do país, núcleo do seu negocio. En Galicia, o banco xestiona máis do 30% do crédito e máis do 41% dos depósitos.

Mellora da calidade do risco

ABANCA profundou durante 2016 na súa política de xestión do risco, o que propiciou unha mellora significativa na calidade dos activos. A pesar das maiores esixencias derivadas do novo Anexo IX, a taxa de mora situouse no 6,84%, por baixo da media do sector, cunha redución do saldo dubidoso dun 20% interanual.

A prudencia do banco na provisión do risco reflíctese tamén na cobertura de activos problemáticos, que se sitúa no 54%. Os activos adxudicados mantéñense unicamente no 1% do balance.

A entidade provisionou 30 millóns para as posibles devolucións por cláusulas chan a aqueles clientes que teñan dereito a elas. Este importe desconta a parte que asumirá o FROB a consecuencia das condicións establecidas para a privatización da entidade.

Á cabeza do sector en solvencia

ABANCA mantense entre as entidades máis sólidas do sector financeiro español, cun nivel de capitalización sustentado na xeración orgánica de recursos.

A ratio de capital de máxima solvencia, CET 1 (Common Equity Tier 1) sitúase no 14,7%, o que supón un exceso de capital de 1.790 millóns de euros respecto dos requerimentos do Banco Central Europeo.

Sólida estrutura de financiamento

A entidade mellorou a súa posición de liquidez, ao incrementar ata os 11.741 millóns de euros os seus activos líquidos dispoñibles e capacidade de emisión.

A estrutura de financiamento da entidade, baseada en depósitos, ratifica a estratexia de crecemento sustentable e prudente desenvolvida polo banco. Os créditos representan o 91% dos depósitos de clientes.

ABANCA cumpre amplamente os requirimentos establecidos polo BCE para finais de 2018, tanto en cobertura de liquidez a curto prazo (LCR), como a longo prazo (NSFR).

Cumprimento do Plan Estratéxico

Tras acometer unha profunda transformación estratéxica integral durante os tres últimos anos, a entidade emerxeu cun modelo de xestión e goberno corporativo totalmente renovado, ademais dun sólido perfil financeiro e o reposicionamento no mercado. ABANCA consolida en 2016 a súa senda de evolución positiva en termos de rendibilidade, crecemento do negocio minorista e calidade dos activos en liña co establecido no seu plan estratéxico.

As axencias de cualificación constataron durante o último ano esta boa evolución de ABANCA e a melloría dos seus fundamentais. Standard and Poor’s e Moody’s elevaron o rating emisor da entidade, que expresa a súa calidade crediticia xeral, mentres que DBRS e Fitch confirmaron a súa cualificación.

Innovación e foco no cliente

Profundando na transformación do seu modelo acometida nos últimos anos, en 2016 ABANCA baseou o seu posicionamento no mercado en dous grandes eixos estratéxicos: a innovación e o foco no cliente.

En materia de innovación ABANCA realizou nos últimos exercicios importantes investimentos, 100 millóns de euros en 2016, na renovación da súa infraestrutura tecnolóxica. A entidade implantou un novo modelo de oficina máis tecnolóxica e funcional, dotou á súa rede de novos caixeiros multifunción, potenciou a súa presenza en comercios con novos dispositivos TPV, e proporcionou aos seus xestores novos recursos de servizo ao cliente a través do uso xeneralizado de tablets Microsoft Surface Pro.

A entidade mostrouse especialmente activa na súa estratexia de dixitalización para adaptarse aos novos hábitos do cliente: ademais de reforzar as funcionalidades da súa banca electrónica, ABANCA lanzou ferramentas de pago como ABANCA Pay, Samsung Pay e ABANCA Cash e introduciu melloras como a tecnoloxía contactless nas súas tarxetas. Esta aposta pola innovación traduciuse nun importante crecemento da actividade dixital: as transaccións dixitais representan o 43% do total, as interaccións dixitais con clientes creceron un 41% e o número de usuarios de banca móbil incrementouse nun 37%.

ABANCA fixo especial énfase na especialización e personalización da súa oferta. A entidade creou unidades especializadas en seguros, sector primario, banca persoal e privada, consumo e empresas. Así mesmo lanzou novos produtos e servizos, como a tarxeta Visa Tú, a tarifa plana ABANCA Seguros e o servizo APPlázame, todos eles caracterizados pola súa filosofía de sinxeleza e calidade.

Estas accións traducíronse nunha positiva evolución da base de clientes, na que gañan peso os clientes con nómina, as empresas, os mozos, os usuarios dixitais e os clientes de fóra de Galicia. Así mesmo melloran o índice de satisfacción neta (ISN), que se sitúa en 68 puntos, frente a 54 de xaneiro de 2013, e o de prescripción neta (IPN), que se sitúa en 12 puntos frente a -42 de xaneiro de 2013.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar