A Xunta, o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento tramitan conxuntamente a intermodal

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario general de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, e representantes de ADIF, mantiveron hoxe a primeira xuntanza da Comisión de seguimento do acordo para impulsar a intermodal da cidade das Burgas, na que as tres Administracións acordaron a tramitación urbanística conxunta da estación co obxectivo de licitar a primeira fase das obras este mesmo ano.

Vázquez Mourelle participou nesta primeira reunión da Comisión de seguimento do convenio para impulsar a intermodal de Ourense, onde se concretou que xa están ratificados o acordo alcanzado polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta e o cronograma a seguir para tramitar urbanisticamente as estacións intermodais como un proxecto conxunto a través da lei 3/2016, aprobada para o impulso de infraestruturas de especial interese público.

A titular de Infraestruturas explicou que se está a ultimar a redacción do proxecto básico da terminal e xa se adxudicou o do aparcadoiro, polo que nas próximas semanas comezará a tramitación para desbloquear urbanisticamente o proxecto global e o conxunto da futura intermodal, incluíndo os servizos de ferrocarril, de autobús, a pasarela, o vial, a praza humanizada sobre vías e o aparcadoiro.

A estación intermodal de Ourense integrará as terminais de ferrocarril e a de autobuses no mesmo espazo, constituíndo o principal nó de comunicación de viaxeiros de toda a provincia, facilitando os desprazamentos tanto aos veciños da cidade como do resto de concellos.

Ethel Vázquez sinalou que a citada infraestrutura incidirá positivamente no contorno que a acollerá, ao superar a barreira que as vías supuxeron na división dos barrios da Ponte e o Vinteún, ademais de que aportará unhas 300 prazas de aparcamento, algo moi necesario no barrio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar