Os escándalos das eléctricas

Dicíame un redactor xefe que tiven alá polos madriles: cando hai datos, que falen os datos.

Primeiro escándalo: as empresas concesionarias dos saltos hidroeléctricos asinaron que lle entregarían un 25 % da súa produción ao Estado para usos sociais.

Hoxe só hai unha empresa que cumpre o estipulado: A­cciona que, logo da reclamación da Confederación Hidrolóxica do Ebro, comezou a pagar no 2014 ese 25 % da enerxía hidráulica producida, a razón de 29,72 euros/MW/hora, máis impostos e gastos.

A empresa Endesa, a que tamén lle reclamou a mesma CHE, négase a facer efectivo o pagamento, argumentando que no seu prego de condicións das concesións non parece consignado o prezo, como si aparece nas concesións de A­cciona, que son máis recentes. Mentres tanto, Endesa, escabúllese e non paga.

Segundo datos do ano 2011, en Galiza hai instalados 3.337 MW en 147 centrais e minicentrais: 74 pertencentes á Xunta e 73 á Confederación Hidrolóxica Miño-Sil.

Porque ambos organismos non reclaman ese 25 % da produción que nos pertence e con efecto retroactivo? Só o salto de Belesar tería que pagar máis de 10 millóns de euros anuais para usos sociais.

Se analizamos o conxunto do estado, vemos como mentres os consumidores temos que pagar 30.000 millóns polo “déficit tarifario”, as eléctricas débenlle máis ao Estado por este 25 % da produción que non pagan.

Segundo escándalo: a reversión das centrais caducadas. O Goberno central non tramita a reversión das centrais hidroeléctricas as que lles caducan o período de explotación, que teñen prazos de validez de 50 a 75 anos. Deixan pasar os 18 meses en que deben resolver os expedientes nuns casos e, noutros, valéndose da argucia de que instalan outros grupos xunto a grande central, amplían outros 50 anos o período de explotación.

Así fixo o goberno de Rodríguez Zapatero coa central dos Peares, que caducaba no 2010 e renovaron, un ano antes, até o 2059. A concesión ten agora unha vixencia de 149 anos, superando os 75 que fixa o Regulamento do Dominio Público Hidráulico.

Este ano caducan os permisos das centrais de Castro Caldelas e Pereiro de Aguiar. A de Enviande xa caducou hai tres anos. Outras 10 centrais galegas terían que pasar a mans publicas nun período de cinco anos. Non, ningún goberno quere facer cumprir a lei rematando co uso especulativo da auga, un ben público, fonte de riqueza dunhas cantas familias… E a UE, tan mirada para outras cousas, tampouco fai cumprir a Directiva Marco da Auga, a norma que ditou e que deberían cumprir todos os Estados. En Galiza sáltana o 70 % das centrais…

Como non podemos acender a luz, non vemos o que pasa coa auga!

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar