A Coruña: Encontro das cidades do Arco Atlántico

 O Pazo de María Pita acolleu A xuntanza do Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, encontro no que participou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. A reunión tiña como obxectivo impulsar, mediante o acordo denominado Declaración da Coruña, tanto ao propio organismo como a cooperación entre as distintas localidades participantes no mesmo, ademais de preparar a próxima asemblea xeral da Conferencia organismo, que terá lugar o próximo mes de abril en Viana do Castelo. “As e os presentes hoxe acordamos fomentar e intensificar a cooperación entre os nosos municipios, como base dun desenvolvemento sostible en común, para que a cidadanía da beira atlántica teña voz en Europa”, expuxo o rexedor  durante o encontro, o cal valorou como “moi positivo”.

Na reunión, na que se revisaron distintas cuestións administrativas como a aprobación inicial dos orzamentos deste ano da Conferencia, as e os participantes identificaron puntos de interese común da rede sobre os que traballar en conxunto, como son os ámbitos da participación, o mar e o ciclo da auga, e o desenvolvemento urbano.

“A idea é que, a partir destes lugares comúns, que consideramos chave dentro dos nosos territorios,  identifiquemos programas europeos que nos permitan ás Cidades do Arco Atlántico presentar, de forma conxunta, propostas e proxectos de grande escala”, explicou o alcalde coruñés, quen avanzou que se puxeron sobre a mesa, entre outras, cuestións vencelladas ao medio ambiente e cambio climático. “Hoxe, na Coruña, iníciase unha nova etapa. É o punto de partida de análise, dentro das políticas de cada concello, dos proxectos que poderemos liderar cada un para, posteriormente, participar conxuntamente nas distintas convocatorias, e relanzar, deste modo, a propia Conferencia”, afirmou Ferreiro, quen avanzou que as Cidades do Arco Atlántico traballarán a prol dunha Estratexia Marítima Atlántica e o seu plan de acción “para que teña maior visibilidade nos programas europeos”, ademais de solicitar unha revisión da actual Axenda Urbana Europea “para que poidan acceder á mesma localidades   medias ou con características xeográficas específicas, como as desta rede”.

Ademais do rexedor, á xuntanza do Buró Executivo tamén asistiron membros do Goberno local, como o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que compartiron mesa co presidente da Conferencia e primeiro edil de Viana do Castelo, Jose María Da Cunha Costa; a vicepresidenta de La Rochelle Agglomération e alcaldesa de Clavette, Sylvie Guerry-Gazeau; o xefe de Gabinete de Donosti, Iñaki Gurrutxaga; os representantes de Brest Métropole Dominique Cap e Tristan Penanros; e o responsable de Asuntos Europeos das Cidades Atlánticas, Martin Joubert.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar