Esquecemento

Concellos e llugares de importancia e tradición xacobea foron excluídos dos mapas impresos nas credenciais editadas pola Oficina do Peregrino que se reparten ou, mellor dito, que se venden nas parroquias, para que os peregrinos anoten a data e o lugar onde comezan a súa andaina e para que vaian rexistrando, co tampón de cada sitio, os lugares por onde pasan. Teñen un prezo módico e, se non fose polos erros, unha información valiosa. Cada credencial evidencia o que andou a persoa que a leva co seu paso, co seu nome e apelidos. É quen xustifica que o titular merece a Compostela, esa certificación de peregrino ou peregrina, asinada polo Deán da Catedral de Santiago, para gardar no peto ou para inserir no corazón e, mesmo, na alma.

Diante de tal exclusión, alcaldes de varios dos concellos afectados presentaron formalmente protesta. A Igrexa de Compostela prometeu corrixir. Pero mentres tanto, quen se fíe do mapa impreso neste folleto-credencial, algún día, terá dificultades para saber onde está. A protesta dos alcaldes, dos expertos e dos peregrinos é absolutamente conveniente. A corrección, totalmente necesaria. Xa o dicía Confucio, “quen comete un erro e non o corrixe, comete outro maior”.

Galicia ten tres rutas xacobeas incluídas nas listaxes de Patrimonio Mundial, o Camiño Francés, o Primitivo e o do Norte. Unha riqueza enorme en tódolos aspectos, artístico e arquitectónico, paisaxístico, espiritual, económico e cultural, cando menos, e ten outras rutas tamén xeradoras de riqueza, o Camiño Sanabrés, que entra pola Canda e vai dereitiño a Santiago, dando vida aos lugares polos que pasa e ás xentes que pasan; o Camiño Portugués, polo que transitan milleiros de homes e mulleres procedentes de Portugal e que van, por Tui, a Santiago, sen decatarse de que pisaron fronteira.

A riqueza xacobea esténdese ao longo de todos e cada un dos concellos polos que pasa o Camiño Inglés, polos municipios do novo Camiño de inverno, dende Ponferrada, e polos lugares de paso da ruta do Mar de Arousa ou da que vai dende Santiago a Fisterra e a Muxía. Son camiños que vertebran a Galicia enteira e que fan dela un compendio xacobeo inigualable, onde non ten cabida o esquecemento, aínda que sexa dos representantes da divindade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar