O Concello de Lugo aborda unha campaña polo mellor uso dos aparcamentos

 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este mércores unha campaña de sensibilización e de control de estacionamentos que o Concello vai poñer en marcha, a través da Policía Local, para disuadir malos hábitos que foron adquirindo  á hora de estacionar o seu coche. Fíxoo nunha rolda de prensa, nas instalacións da Policía Local, nun acto no que tamén estiveron presentes o xefe da Policía Local, Manuel Novo, e o voceiro deste servizo, José Manuel Santiso.

Baixo o lema “Aparca con xeito”, a campaña arrincará o vindeiro luns, 13 de febreiro, e estenderase ata o 7 de maio, en 5 fases diferenciadas. Irá destinada, tal e como recoñeceu a propia rexedora, “a terminar con condutas incívicas que xeran a invasión para aparcadoiros de espazos destinados a outras funcións”.

A primeira delas tentará sensibilizar sobre o prexuízo que causan ao transporte público comportamentos como circular polos carrís bus, parar ou estacionar no entorno das paradas ou no propio carril, ou aparcar en doble fila en avenidas polas que transitan distintas liñas de autobuses. Terá lugar do 13 ao 26 de febreiro.

A segunda das fases será para facer incidencia naqueles vehículos que estean estacionados en zonas de carga e descarga, para evitar o mal uso destes espazos. A rexedora pediu respetar estas zonas de carga e descarga, pois favorecen aos traballadores que requiran desta zona de aparcadoiro, e de xeito indirecto ao comercio e á propia mobilidade. Será do 27 de febreiro ao 12 de marzo.

A terceira centrarase na doble fila, “unha práctica moi común que convirte aos propios vehículos en elementos insalvables para o resto de condutores”. Desenvolverase do 13 ao 26 de marzo.

A cuarta fase, do 27 de marzo ao 9 de abril, incidirá no estacionamento nas beirrarúas, “co propósito de que os peóns en xeral, e especialmente as persoas con problemas de mobilidade, poidan transitar polos espazos destinador a camiñar”.

A quinta refírese ao estacionamento en prazas destinadas a persoas de mobilidade reducida e ao control das tarxetas que acreditan a unha persoa para estacionar nesta zona. “Porque garantir a súa mobilidade en coche é garantir tamén as mesmas oportunidades que o resto dos veciños e veciñas”. Nesta liña incidirá a Policía Local do 24 de abril ao 7 de maio.

Ante as numerosas suxestións veciñais sobre os vehículos estacionados indebidamente, ocupando ademais espazos peonís, a Policía Local fará máis fincapé no cumprimento da normativa de circulación, un traballo que, evidentemente, xa se ven facendo por parte do corpo, denunciando aos vehículos que incumpran a normativa, e incrementando a vixiancia para o seu debido cumprimento.  Reforzaranse os turnos cando así se considere. “Trátase de medidas coas que gañaremos todos, os 98.134 luguesas e luguesas, e polo tanto gañará a cidade. Gañaremos en seguridade vial, un dos obxectivos principais, en seguridade peonil, en mobilidade e melloraremos a circulación dos propios vehículos”, subliñou a Alcaldesa. Estas medidas de control de estacionamento son previos á implementación de novas medidas de mobilidade, como as novas liñas de bus urbano.

 

Control de excrementos de animais

 

Lara Méndez tamén avanzou unha campaña de control de excrementos de animais na vía pública para concienciar e implicar á veciñanza na limpeza do municipio, así como para inculcar unha maior responsabilidade e civismo por parte da cidadanía que ten animais de compañía.  Dita campaña terá lugar do 10 ao 23 de abril.

“Lugo é o impulso da súa xente, pero a súa xente é  responsable dos seus actos. E da súa actitude, da actiude de todos e cada un dos que formamos Lugo, depende construír entre todos unha cidade máis amable coas persoas, porque Lugo facémolo entre todos”, concluíu a Alcaldesa.

Pola súa banda, Novo avanzou que as campañas se realizarán en quendas de mañá e tarde, distribuíndose por zonas da cidade, para incidir en todas ao longo de toda a campaña. Haberá entre 2 e 4 axentes para cada fase da campaña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar