Concertos, teatro e danza no auditorio “Gustavo Freire” de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou no  no Salón de Plenos diferentes actividades culturais, entre as que se inclúen concertos, teatro e danza, que se celebrarán durante os meses de febreiro a abril.

Dentro da programación de concertos actuarán, o 9 de febreiro, Ariel Rot, o 23 de febreiro, Milladoiro, o 10 de marzo, Coque Malla, e o 15 de abril, Marlango. Todos eles terán lugar ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

En canto ás obras de teatro, representarase, o 16 de febreiro ás 20:30 horas, a obra Resaca de Il Maquinario Teatro, e o 31 de marzo ás 12:00 e o 1 de abril ás 20:30 horas, a obra Get Back de Eme2 Emoción&Arte. O 25 de abril ás 20:30 horas terá lugar a posta en escena de Moendo Muiñeiras de Merlo Branco Producións. Estas actividades celebraranse no Auditorio Municipal Gustavo Freire e pertencen ao convenio cultural entre o Concello e Agadic.

Carmen Basadre, quen convidou a toda a cidadanía de Lugo a asistir as diferentes actividades propostas, anunciou os prezos para asistir aos concertos, que na zona A serán 18 euros e na zona B, 15 euros. As funcións teatrais terán un prezo único de 8 euros, excepto a función do día 31 de marzo, dirixida a estudantes, e cun prezo único de 5 euros. Contarán con desconto do 20% para as persoas desempregadas, os menores de 30 anos, os pensionistas e os artistas membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

As entradas poderán mercarse a través do portal web www.entradaslugo.es ata 3 horas antes de cada actividade. Así mesmo, poden adquirirse no auditorio o día da celebración dende unha hora e media antes do comezo do espectáculo, e no Centro de Interpretación da Muralla. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar