Nava Castro destaca o Comité internacional de Expertos do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro en Santiago cos representantes do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, que neste 2017 conmemora os 25 anos desde a celebración da súa primeira reunión oficial.

Logo de poñer en valor o seu inmenso e incalculable labor, Nava Castro asegurou que “desde o seu nacemento este Comité aglutinou ao longo da súa historia aos máis brillantes investigadores europeos en temática compostelá”.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que isto é un exemplo da dimensión internacional que alcanzou o Camiño e do interese europeo polo fenómeno das peregrinacións a Compostela. “A composición do Comité, formado por membros procedentes de España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Inglaterra… reflicte á perfección o alcance da Ruta Xacobea”, manifestou.

Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ás cifras rexistradas nos últimos tiempos polo Camiño de Santiago destacando que un total de 278.232 peregrinos selaron a súa Compostela o pasado ano, superando así a cifra histórica de peregrinos que Galicia recibiu no último Xacobeo 2010.

“Sen dúbida, isto non sería posible sen o fundamental labor do comité e ás investigacións que se realizan sobre o Camiño de Santiago, as cales alcanzan unha gran difusión e promoción en Europa e no resto dos países vinculados dalgún modo ao culto a Santiago”, concluíu.

 

Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago

O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago nace en 1992 da necesidade de asesorar no campo científico e cultural á Consellería de Cultura de fronte ao Ano Santo Compostelán de 1993.

O criterio fundamental que se seguiu para a súa formación foi o de elixir os investigadores máis recoñecidos internacionalmente sobre temática compostelá, algúns deles estreitamente ligados ao mundo xacobeo das asociacións de peregrinos. De feito, nomeáronse varios presidentes de centros de estudos ou asociacións nacionais que se dedicaban a este tema.

Este Comité continúa na actualidade levando a cabo un valioso labor de asesoramento en todos os temas relacionados coa Ruta Xacobea: itinerarios, publicacións, centros de estudos, congresos, exposicións, revistas, etc.

Así mesmo, resulta de gran valor a edición de decenas de publicacións científicas, que dotan de dimensión investigadora e científica á Ruta Xacobea. Tal é o caso da revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e o mundo das peregrinacións, Revista Ad Limina, da que foi presentada onte mesmo unha nova edición.

Tamén destaca o traballo de organización e dirección de congresos internacionais e a creación de novos proxectos e liñas de investigación que se adaptan ás novas tecnoloxías, así como a creación e mantemento dos Centros de Estudos Xacobeos no estranxeiro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar