Carta aberta

Dona Beatriz Mato.

Señora conselleira: escríbolle no meu nome e no de centos de aldeáns (fachendosos de selo), que non teñen quen lles escriba.

Lemos as súas declaracións afirmando que “a xente pensa que a auga do grifo venlle do ceo”. Realiza esta afirmación cando centos de familias do rural, sobre todo no interior, estamos sen auga da traída por mor da seca. E así levamos desde antes do verán. Unhas traídas de auga, a maior parte, construídas polos propios veciños, coas súas mans e cos seus cartos, sen que as administracións se preocupasen de fornecerlles dun servizo que, para outros, é un dereito. Pero nós, claro, somos aldeáns, cidadáns de segunda, cando non de terceira.

Que como nolas amañamos até de agora? Pois construíndo pozos. Co que custan! E mercando motores para bombear a auga. E axeitando depósitos… E indo coas cisternas ao río. E pagando a electricidade, pois, sabémolo ben, cada vez que abrimos a billa, o contador comeza a andar o condenado coma se tivese o baile de San Vito.

E dá a casualidade que, cando vostede, precisamente, realiza estas declaracións, é cando máis cara é a enerxía eléctrica. O recibo leva todos estes meses subindo por encima dos cen euros…. Non sabemos canto virá en febreiro. Polo menos haberá que pagar a cuarta parte do que a grande maioría das nosas familias cobra de pensións. E moitas xa tiveron que mercar estas semanas uns novos motores (máis de 400 euros, non sei se o sabe) pois os outros estoupáronlles coa xeada.

Pero nen así tiñamos auga a mañá, pois as cañarías estaban todas conxeladas e había que botar man de caldeiras e deixar a auga collida a noite e, logo, lavarse coma o gato, aforra que te aforrarás… Como cando tiñamos que ir pola auga á fonte. Carretamos moita, non só para lavarnos, para cociñar, para fregar… Para cocer de inverno aqueles caldeiros de a cen litros para os porcos da ceba. Para darlle de beber ás vacas que non podían saír por mor da neve e os pobres bacoriños da fruxe. Para cociñar o pan. Para fregar o chan… Cantas mulleres teñen hoxe estragadas as cervicais e as columnas de cargar con aquelas sellas na cabeza polas congostras empinadas desde a fonte! Porque era un traballo, maiormente, de mulleres e rapaces.

E vostede dinos que “pensamos que ao abrir a billa a auga ven do ceo”! Poida que descoñeza que a quinta parte da poboación galega se criou, ou padeceu, cando ía a aldea, o non ter auga da billa… E dinos que pensamos que cae do ceo. Pois si señora, cae do ceo… É algunhas persoas naceron na caracocha dun fento!

Non sei se nos doeu máis a súa falta de sensibilidade ou a súa ignorancia.

Pero aínda así, moitas grazas, xa mandou chover don Mariano.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar