A Deputación de Ourense, líder en Transparencia dos gobernos provinciais de Galicia

A Deputación de Ourense é líder en Transparencia dos gobernos provincias galegos. Así o deu a coñecer o informe “Transparencia pública na Comunidade Autónoma de Galicia”, realizado por Dyntra, Asociación transparencia pública, coa colaboración da Universidade de Santiago, que sitúa ao goberno que preside Manuel Baltar no primeiro posto entre as deputacións galegas nos índices de Transparencia Institucional 62%, Acceso á información 46%, Participación e colaboración 44%, Transparencia Económica 94%, Contratacións de servizos 82%, e Servizos e apoio a municipios 92%. Asemade, a Deputación de Ourense ocupa a 7ª posición de España, segundo o Índice DCI, Dyntra Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos insulares. Manuel Baltar recibiu a certificación de mans do presidente da Asociación de Transparencia Pública, Juan Manuel Roa.

Baltar foi convidado a expoñer na Facultade de Dereito de Santiago o seu modelo de xestión en Transparencia, cuxas claves pasan pola “participación cidadá, as iniciativas de goberno aberto, a innovación e a eficiencia na cooperación con cidadáns e concellos”, explicou o presidente ourensán, destacando “o labor de excelencia na xestión” “que procuramos desenvolver a diario, mantendo canles de comunicación permanente cos cidadáns, o que nos permiten dar resposta ás súas demandas en menos de 5 días”.

“Provincia Intelixente” e “marca Ourense”

Precisamente, proxectos innovadores como o de “Provincia Intelixente” e as acción levadas a cabo para potenciar a “marca Ourense” en ámbitos como o deporte, o turismo, o termalismo ou o medio ambiente, entre outros, teñen situado á Deputación de Ourense como referente nacional e internacional en foros nos que o modelo ourensán ten sido comparado con iniciativas de xestión pública de vangarda como as que desenvolven territorios como Bos Aires, Curitiba (Brasil) ou Toronto (Canadá).

Manuel Baltar explicou no seu relatorio que unha das máximas da Deputación de Ourense “nestes tempos nos que se demandan respostas inmediatas, é afondar na innovación referida á xestión pública”, e citou o seu proxecto de “Provincia Intelixente”, “que levamos a cabo co obxectivo de impulsar en todo o territorio provincial unha auténtica rede, coa tecnoloxía como aliada, que permita unha eficiencia modélica en competencias municipais que exercemos vía delegación, como poden ser a recollida de residuos, a xestión da auga ou a tele-asistencia, entre outros ámbitos de xestión”, dixo o presidente do goberno provincial.

Baltar destacou que o plan de mandato “Ourense 15-19” “contén a posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadán así como a reforma, xa aprobada, do regulamento para incluír as preguntas ao presidente dos veciños da provincia”. Tamén subliñou que a web da Deputación de Ourense foi a primeira dun goberno provincial en España en retransmitir as sesións plenarias, e permite –tamén con carácter pioneiro- visualizar en directo ás comisións do ente provincial, ás aperturas de plicas das mesas de contratación ou os sorteos dos membros de tribunais nas probas de acceso ao emprego público”.

Na xornada participaron cargos públicos de deputacións e concellos de Galicia, acto no que se presentou o estudo de Transparencia pública en Galicia, que avalía a transparencia de municipios e gobernos provinciais a través de 174 indicadores, agrupados en seis categorías: Transparencia municipal; Participación e colaboración cidadá; Transparencia económico-financeira; Transparencia na contratación de servizos; Transparencia en materia de urbanismo e obras públicas, e Open data.

Ademais da Deputación de Ourense como líder das deputacións galegas no acto outorgáronse certificacións de transparencia a: “Concello máis transparente da Comunidade”, “Capital de provincia máis transparente”, “Consello de Contas de Galicia”, e ao Valedor do Pobo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar