“Xantar” cumpre a maioría de idade en Expourense

 

 

 

Entre o 1 e o 5 de febreiro o Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ouense acada a maioría de idade presentando a súa edición máis internacional e ofrecéndolle ao visitante 200 actividades para “vivir a experiencia Xantar” dende unha perspectiva saudable e sostible. Expourense converterase no epicentro da enogastronomía e o turismo reunindo a 232 expositores (un 10% máis que na edición anterior) procedentes de 11 países (España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e A Arxentina).

A 18ª edición do salón foi presentada aos medios de comunicación nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, o vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández, o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar, o director de Xantar, Alejandro Rubín, e días representantes do Clube Gastronómico de Panamá, Fifita Bichilli e Anne Vial. Estas últimas convidaron aos visitantes a probar o menú do país convidado para “descubrir cómo somos a través dos nosos sabores”.

Xantar arrinca esta nova edición convertida en motivación turística per se xa que se puxeron en marcha distintos paquetes para convidar ao viaxeiro a visitar Ourense estes días co gallo da celebración do salón. Este obxectivo de promocionar un destino a través da gastronomía levou á organización a crear o “I Workshop de Turismo Gastronómico” no que participarán touroperadores que asistirán a presentación e manterán reunións B2B con representantes dos distintos destinos enogastronómicos presentes.

 

PAÍS CONVIDADO

Panamá, a través da Autoridade de Turismo de Panamá, participará como país convidado para promocionarse como “destino cosmopolita e sostible, conxugando tradición e modernidade” e chamar a atención do potencial visitante europeo, e sobre todo do español, que é o quinto mercado emisor de turistas a este país (e o primeiro europeo). Panamá acaba de lanzar unha campaña de promoción internacional que os levará a estar presentes en importantes eventos mundiais, entre os que elixiron a Xantar.

Panamá participa cunha importante delegación de profesionais (preto de 40 persoas) entre os que destacan varios chefs, representantes do goberno e empresarios hoteleiros. Contará cun restaurante propio dentro do salón que estará liderado polo Club Gastronómico de Panamá e que ofrecerá un menú composto por sancocho (prato nacional), Carpaccio de sous ou Escovitch de peixe, onde o millo ou o coco son ingredientes esenciais.

Os pratos integrados neste menú serán ademáis os protagonistas dos showcookings que van impartir os cociñeiros panameños presentes no salón e entre os que destaca Charlie Collins, chef responsable das recepcións presidenciais neste país, entre outras cousas. Ademais, as actividades completaranse con catas de produtos destacados deste país como o ron, o chocolate ou o picante. O país convidado tamén desprazará ata Ourense unha mostra do seu folclore tradicional.

Xantar extende a súa rede de cooperación iberoamericana. Costa Rica, país convidado en 2015, e o Estado de Morelos, que representou a México en 2016, continúan vinculados a esta cita e participarán activamente este ano. Costa Rica contará cun restaurante e exhibicóns culinarias a cargo de cociñeiros de prestixio internacional. Ademais, este ano incorpóranse chefs de Colombia procedentes do Servizo Nacional de Aprendizaxe (SENA).

Portugal volverá ser un dos protagonistas desta cita gastronómica. Ademais da presenza de dous restaurantes da rexión de Porto e Norte (Vila Real-Douro e Ponte de Lima) e dun de Azores está confirmada a visita de delegacións empresariais relacionadas co turismo e a gastronomía. A Entidade de Turismo Porto Norte é o principal socio estratéxico de Xantar no país veciño e facilitou a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acuden ó salón e organizan múltiples showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionarse así como destinos de proximidade.

Ademais dos restaurantes de Panamá, Costa Rica e os tres de Portugal, Xantar 2017 conta con outros dez restaurantes, dous dos cales corresponden ás comunidades limítrofes de Asturias e Castela e León. A gastronomía galega estará representada polos restaurantes de #saboresdeourense do Concello de Ourense que presenta os seis pinchos gañadores dos concursos “Sabores de Outono” e de “Primavera”; o do INORDE que ofrece un menú 100% ourensán a un prezo moi competitivo; o do Concello de Maceda, que acode por primeira vez; o de Parada de Sil, que resume os sabores da Ribeira Sacra. De fóra da provincia de Ourense participan a provincia de Lugo, Bueu, A Guarda e Vila de Cruces.

En total, 15 restaurantes ofrecen 21 menús con prezos entre os 14 e os 30 euros que presentan produtos autóctonos e de calidade, xa que a meirande parte deles inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Hai menús adaptados a celíacos, infantís e con descontos para grupos. Ademais, durante a xornada do mércores e xoves, a maioría dos restaurantes ofrecen prezos especiais.

O programa de actividades de Xantar 2017 ofrécelle aos asistente máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas (máis de 3 cada hora de celebración do salón. As de perfil máis profesional están enmarcadas no denominado “Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible” que afronta xa a súa 12ª edición.

Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará con tres aulas gastronómicas, unha de Cata e un Túnel do Viño. Son espazos aos que este ano se engade, como novidade, o Túnel do Queixo onde estarán presentes unha mostra dos premiados na última Cata de Queixos de Galicia organizada pola Xunta de Galicia.

Os showcookings desta edición correrán a cargo de recoñecidos chefs procedentes de todos os destinos presentes en feira. Ademais dos chefs internacionais mencionados e da delegación de cociñeros portugueses, participarán neste encontro importantes representantes da nova cociña galega na que se empregarán produtos de calidade recoñecida con Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas ou con selos como “PescadeRías” ou as conservas de peixe e mariscos de ANFACO. Participarán chefs como Javier Rodríguez “Taky”, Adrián Felípez, Álvaro Villasante ou Flavio Morganti, entre moitos outros. Nesta edición hai que engadir ademais a cociñeiros mediáticos como Carlos Maldonado, gañador da terceira edición de Masterchef ou Merchi Rodal e Leni Pérez do programa Larpeiros da TVG.

O programa de showcookings complétase con actividades paralelas como o IV Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 20 blogueiros de toda a Península ou o Encontro Internacional de Confrarías que volverá reunir a máis de 40 entidades de varios países.

Xantar 2017 contará tamén cun amplo programa de actos especiais como a Noite do Deporte ou a do Comercio. Nesta última renderáselle unha homenaxe ao expresidente da Federación Ourensá de Comercio, Aurelio Gómez Villar.

 

 

TURISMO DE PROXIMIDADE

Neste ámbito, a novidadade desta edición foron paquetes “Siente Galicia” que permiten regalar unha experiencia enogastronómica na provincia. A contratación deste paquete inclúe aloxamento en réxime AD en hotel de 4 estrelas, a entrada ó salón, o almorzo ou cea nun dos seus restaurantes e a participación nas actividades. A reserva deste paquete se hará desde a propia central de reservas www.sientegalicia.com.

Xantar creou tamén unha experiencia gastronómica orientada aos visitantes que poden achegarse a Ourense na liña Alta Velocidade, AVANT, dende A Coruña ou Santiago ou tamén dende Vigo en liña regular. Este paquete está dispoñible para o sábado 4 de febreiro e inclúe a viaxe entre tren ida e volta, os traslados, visitas guiadas ás áreas termais e casco histórico de Ourense e almorzo no salón. Todo isto a partir de 46 euros.
As novidades do salón poden seguirse a través da súa web www.xantar.org o das súas redes sociais www.facebook.com/Xantar ou de @XANTAREXPO en Twitter e @xantaroficial en Instagram.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar