Lembranza do revolucionario e místico Moncho Valcarce

O noso inxusto acontecer, rebozado de corrupción, de sofisticadas fórmulas de explotación e conseguintemente de todos os efectos ensarillados, dispendio, cláusulas abusivas, tarifazos, timos, desafiuzamentos, expropiacións, emigración… e a contestación con diferentes xeitos de indignación e provocación, traen á memoria a inmediata historia subversiva ou revolucionaria nun país escarmentado de máis. País de augas e ventos, asolagado por encoros que agora, na seca, mostran lembranzas. Roído por minas e canteiras, mal reforestado… estragado, contaminado pra que noutra banda renden os beneficios… O ambiente faise propicio ao liderado, aínda que iso non se improvisa.

Arredor de cada 1 de febreiro, vésperas da festa da Luz, da Candeloria, cando se acenden as esperanzas, os que non “dan a esquecemento da inxuria o rudo encono”, animados pola lealdade da Irmandadade Moncho Valcarce, no cemiterio coruñés de Santo Amaro, conmemoran o cabodano da morte, no 1993, de quen foi o seu popular líder, o Crego das Encrobas.

Moncho Valcarce representa a algúns outros sacerdotes, atípicos, anónimos e silenciados, cunha misión fundamental, de prédica e acción, de teoría e praxe, a devolver a dignidade ao ser humano, traballador, labrego, rural, enganado e explotado. Revolucionario, axente de cambios, como se di hoxe pra desactivalo da súa carga radical. Alí estaba onde se lle chamaba, tanto pra formar pobo en singulares vodas, bautizos, defuncións ou misas que eran mesas de comuñón con pan e viño do común, como pra encabezar pancartas, na acción de reclamar xustiza. Militante con raiceiras, radical, que levaba xa dentro de si a teoloxía da liberación, a que religa as raíces no fondo da Terra, do pobo e conseguintemente ergue á luz alboreira a esperanza, o sentir relixioso. Valente, decidido, sincero, coherente coas máis puras esencias cristiáns, tanto das aprendidas do místico Xoán da Cruz como de Francisco de Asís, de Gandhy, de Basilio Álvarez, de Castelao….

Ao crego Moncho Valcarcel rebórdalle o carisma, “na fronte unha estrela, no bico un cantar”. Non lle cumpría nimbo de santidade ou de liderado algún. Non quería estar separado da xente pola formación, polo oficio, pola sotana, polo celibato, polo incenso ou as liturxias. Chegáballe coa súa boina negra e galega, calada na cabeza, estilo Che ou Ernesto Cardenal. Que tamén compre saber darlle xeito. Viste normal, preferiblemente con camisa de cadros roxos e no inverno con zamarra. Fende coa liturxia vana, cos confesionarios, coas esmolas e mesmo coas tarifas relixiosas…. fala o idioma da Terra, o galego e enxalza os produtos da Terra de do Traballo…. Misión coa que dignifica ao ser humano, á parroquia, a Galiza e a unha igrexa abafada en liturxias e que deixa a ermo o viñedo encomendado. Figura necesaria no seu tempo e máis aínda hoxe, cando falta a misión cristián en galego. Vida que seguiu e espallou quen foi seu mestre, o tamén lembrado don Manuel Espiña Gamallo.

Moncho Valcarce Vega nace no 1935 na Coruña no seo dunha familia de industriais acomodados, con pai natural dos Ancares bercianos e de nai coruñesa, con sete fillos, unha delas Ritiña, con minusvalía, a preferida. Formado no Instituto da Coruña, logo nos xesuitas de Vigo, herdeiros das tradicións do colexio de Camposancos, que deu orixe a Deusto, a Comillas e a tantas reflexións e prédicas con base de Terra. Despois estudante de Dereito en Compostela, até o derradeiro curso, pra retornarlle a vocación e ingresar no Seminario da mesma cidade. Pasa a estudar Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma, logo encomendaránselle labores pastorais nas igrexas coruñesas de San Xosé e da Colexiata, onde topa co coengo Manuel Espiña, que lle recomenda retorne ao seminario de Compostela pra ordenarse no 1969. Tempos dos estertores da ditadura, coas sentencias de morte que fan medrar a preocupación política. Contestados días de Longa noite de Pedra, de antifranquismo, nos que tamén se fraguan futuros na reformulación do nacionalismo galego . No 1971 encoméndaselle a parroquia de Sésamo e de Sueiro, ameazadas polo medrar da área industrial da Coruña, a carón do aeroporto de Alvedro e a degradación do val do Barcia… A ergueita parroquia de Sésamo convértese nun símbolo de resistencia. Aldea coroada por un castro, veciño dos de Alvedro, Sigrás, Cañás… coñecidos dos escudriñadores románticos, do que moito falábamos para a súa recuperación e dos que entregou ao Museo Arqueolóxico da Coruña algunhas pezas alía atopadas mediante este Petoutos, como así me alcumaba.

Entre camaradas, na reitoral de Sésamo, cociñáronse moitas iniciativas: dáselle saída ás follas de A Fouce, acollerá a ese outro Moncho, entre os Monchos galegos, que foi Reboiras; alí, nacerá o sindicato Comisións Labregas, e a sancristía estará presidida por un crucificado e un cartel do seu admirado Che. Permanentemente vixiado pola policía. Sempre esperado, querido e recibido e non so pola súa parroquia ou camaradas da Asemblea Popular Nacional Galega. Na busca de resposta ás continuas provocacións polas que o goberno de Franco, ata, ben atados, os privilexios, a expropiación forzosa para a explotación dos lignitos de Meirama na bisbarra das Encrobas, inmediata a Sésamo. Entre aquelas, sufriu como súa a morte accidental dun rapaz de dazaseis, anos, Emilio Suárez, electrocutado en Meirama por un cable de alta tensión, cando tentaba poñer unha pancarta en contra da explotación.

Seguen as provocacións polo mapa de Galiza, as Encrobas, os intentos de instalar unha central nuclear en Xove, as expropiacións en Baldaio, Loño… para unha urbanización na Balea en San Vicente do Grove, a dos caseiros de Larín, en Arteixo… as abusivas cotas empresariais, pelotazos especulativos, provocacións que acenderían as respostas.

No 1977 Moncho é detido no cárcere da Coruña. Reiteradamente chamado ao orde polo bispado, recluído ás veces na casa. No 1979 concelleiro de Culleredo polo Bloque Nacionalista Popular Galego, restrinxindo a súa responsabilidade como párroco a misas os domingos. Nun certo retiro, toma o ano 1987 como sabático e realiza cursos en Salamanca, aproveita e escribe Compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta, Galiza. No 1988 retoma a pastoral nas Pontes, nas parroquias de San Pedro de Eume, Faeira e Goente, sen perder a súa estrela, nin a lealdade dos seus, os que conformarían a súa Irmandade.

Moncho Valcalce non perdeu o tempo nin lle faltaron amigos, compartiu as súas inquedanzas humanistas dende o asociacionismo de base, sabendo ben aquel principio dos discípulos de Emaus, “Estarei alí onde haxa dous de vós”. Deixando espallados pensamentos. Mesmo ao final dunha vida moza, activa, truncada pola enfermidade, aproveita pra compartir os seus cavilares, faino dende unha óptica humanista, nacionalista, poética e teolóxica: Revolucionario e místico, Diario íntimo da doenza final, Encrucillada 1994. Agradecido cos seus e mesmo cos que discrepaba. Sementador de agarimo, como ansiaba ser. Humilde labrador do viñedo do Señor. Lección de vida e morte, de agradecido ao pobo, á Terra e a ese milagre da Vida e de Esperanza, entre o que segue a ser auténtica Santa Compaña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar