Baltar destaca en Madrid “a implicación do municipalismo co desenvolvemento”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou en Madrid na Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reunión na que se debateu sobre a importancia das políticas medioambientais e na que a FEMP amosou o seu apoio á Declaración da denominada “Axenda 2030” de desenvolvemento sostible. Baltar destacou “a implicación do municipalismo español coa sostibilidade de pobos e cidades”, e defendeu o desenvolvemento e a xestión dunha “economía verde” “para favorecer modelos económicos competitivos e con obxectivos sostibles”.

O presidente do goberno provincial lembra que, precisamente, Ourense será sede e provincia fundadora do Consello Europeo de Economía Sostible (European Sustainable Economy Council), unha asociación permitirá a cidadáns, empresas e administracións da Unión Europea ter maior fortaleza e presenza nas políticas medioambientais, “favorecendo a posta en marcha de proxectos empresariais e sociais que avancen na cultura da sostibilidade”. Manuel Baltar está a impulsar a creación desta asociación -que tería a súa proxección desde Ourense cara aos países da UE-, logo de asinar hai meses con David Levine, presidente da ASBC –organización que engloba a 250.000 empresas USA-, un acordo de colaboración para levar a cabo a creación do Consello Europeo de Economía Sostible e potenciar así as políticas medioambientais nas empresas e administracións públicas europeas en cooperación con este organismo norteamericano.

Na reunión de hoxe da Xunta de Goberno da FEMP analizáronse tamén temas de cooperación local, emprego, enerxía e desenvolvemento económico, e deuse conta da XVII Campaña “María Moliner” de animación á lectura, que se levará a cabo en municipios de menos de 50.000 habitantes.

 

 

HOMENAXE A RITA BARBERÁ

 

Ao remate da reunión tivo lugar na mesma sede da federación a entrega a título póstumo da Chave de Ouro do Municipalismo á ex presidenta da FEMP, Rita Barberá, acto no que participou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy –é a primeira vez que un presidente do Goberno visita a FEMP-, acompañado por membros do seu gabinete, acto que contou coa presenza dos familiares de Rita Barberá e das autoridades da FEMP. Rita Barberá foi presidenta deste organismo supramunicipal durante dous mandatos, entre os anos 1995 e 2003. Esta é a segunda ocasión en que se concede esta distinción, que só se deu en xullo de 2015 a Pedro Aparicio, primeiro presidente da FEMP.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar