Bo resultado da campaña de adopción de mascotas na Coruña

A concelleira de Medio Ambiente destaca os bos resultados que está a ter a campaña de adopción de mascotas, que conseguiu fogar para 45 cans e gatos desde a súa posta en marcha en novembro, e que continúa nos próximos días con accións no centro cívico dos Mallos e dos Rosales
A Concellería de Medio Ambiente vén de rematar as obras iniciadas en novembro do pasado ano para ampliar e mellorar as instalacións do Centro de Acollida Municipal de Animais do Lugar de Bens, co obxectivo de garantir o benestar dos cans e gatos que se atopan neste recinto, e optimizar tamén a atención que reciben. Os traballos, que supuxeron un investimento de 25.000 euros, incluíron a ampliación do centro, coa creación dunha zona verde común ao aire libre para que todos os animais poidan dispoñer dun espazo amplo exterior onde estar soltos. “Queremos avanzar nas políticas de benestar animal, e poder garantir que os gatos e cans que se atopan nas instalacións municipais están nas mellores condicións, en espazos saudables e cómodos”, sinala a concelleira desta área, María García, quen indica que a obra tamén serviu para mellorar a denominada zona de lazareto do centro, na que se trata a aqueles animais que precisan coidados ou precaucións veterinarias especiais, para poder prestar atención urxente dentro da propia instalación municipal, e que se acondicionou para dar servizo a outros animais, ademais de cans. Unha vez rematada esta actuación, o Concello concluirá tamén nas próximas semanas os traballos para mellorar o saneamento do recinto, de cara á eliminación dos residuos e a unha mellor xestión ambiental do mesmo.
De forma paralela ás melloras no centro municipal para animais, o Concello abriu a pasada semana a segunda fase da campaña Acolle, que se dirixe a fomentar a adopción responsable, co obxectivo de regularizala e de sensibilizar á veciñanza ante a problemática do abandono animal. Como salienta a concelleira de Medio Ambiente, desde a súa posta en marcha no mes de novembro, esta acción de concienciación logrou un fogar para un total de 45 animais que se atopaban no centro de protección, dos cales 40 son cans e o resto, gatos, “un resultado moi positivo, que consolida a taxa de adopcións na cidade”. A campaña chegou a semana pasada ao centro cívico dos Mallos, onde continuará nos próximos días, para, a vindeira, trasladarse ao centro dos Rosales, “dentro da liña do Goberno local de compromiso co benestar animal e, tamén, coa conciliación das necesidades dos animais e das persoas con mascotas coas da veciñanza que non as ten”, apunta García. As persoas que desexen ter máis información sobre os animais que se atopan en adopción poden directamente visitar as instalacións (en Lugar de Bens s/n, de luns a sábado, de 11.00 horas a 13.30 horas e de 16.00 horas a 18.00 horas) ou na dirección web www.coruna.gal/adopcion.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar