Os gardacostas requisan más de 600 quilos de peixe e marisco furtivos

Comiso peixe e marisco de varios gardacostas_28012017.,jpg

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron nos últimos días máis de 600 quilos de peixe e marisco e 127 aparellos de pesca en diversos operativos contra o furtivismo realizados nos últimos días. Tamén se aprehenderon de 1.700 metros de aparellos de enmalle.

A ría de Pontevedra foi escenario de varios operativos que se saldaron co comiso de máis de 422 quilos de diversas especies e coa incautación de 51 útiles. O control máis destacado foi en Bueu e Beluso e nel os axentes aprehendéronse de máis de 262 quilos de marisco -entre eles máis de 140 quilos de ostra, 47 quilos de centola e 45 de mexillón- e de 25 aparellos que estaban sen identificar, a maioría deles nasas.

Na ría de Arousa os gardacostas requisaron 34 útiles, máis de 56 quilos de especies e 1.500 metros de enmalle. A actuación máis relevante realizada nesta ría tivo lugar na zona de Xidoiros, na Illa de Arousa, onde os axentes incautaron 30 nasas de nécora e case 9 quilos de especies, a maioría polbo.

Na ría de Vigo os gardacostas tamén realizaron diferentes operacións que se saldaron co comiso de máis de 87 quilos de diferentes especies e coa incautación de 14 aparellos e 200 metros de aparellos de enmalle. Un dos operativos fíxose en Aldán e resultou coa aprehensión de case 35 quilos de nécora (a maioría ovada) e de 45 quilos de centola, 13 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle.

A Costa da Morte tamén foi escenario de diversos operativos onde os axentes se aprehenderon de 38 quilos de diversas especies. A operación máis relevante foi no porto de Arou, en Camelle, onde se comisaron 20 quilos de polbo.

Tamén se desenvolveu un operativo na Ría de Corcubión que se saldou co comiso de 28 nasas de polbo e os 8 quilos deste cefalópodo que había no seu interior. Ademais realizouse outra operación en Burela na que se comisaron case 4 quilos de percebe e no pantalán de Oza, na Coruña, comisouse máis dun quilo de nécora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar