A Deputación de Ourense adica 20 millóns a cooperación, emprego e infraestructuras

Pleno Deputación Ourense_27012017

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de xaneiro, celebrada no Pazo Provincial, destinar 19.121.390 euros para os ámbitos de cooperación, empregabilidade, obras, vías e cultura, da provincia de Ourense.

En concreto, aprobou as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2017. O obxecto deste programa é contribuír ao sostemento económico dos servizos municipais ofrecendo a posibilidade de complementar os recursos humanos necesarios para este fin. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este programa é dun importe máximo de 910.000 euros, sendo a axuda concedida a cada concello dunha contía máxima de 10.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contando a partir do día seguinte á data de publicacións desta bases no BOP.

Por outra parte, a corporación provincial aprobou na sesión plenaria o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, para o cal a Deputación de Ourense destina un total de 7.030.999 euros. En concreto, a achega provincial ás obras municipais será de 4.645.999 euros e os concellos achegarán 1.409.947 euros. Así mesmo, a Deputación destina 385.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta e, por último, o goberno provincial achega 2.000.000 euros para a rede viaria da Deputación.

Por outra parte, a Deputación de Ourense aprobou o expediente nº 1/2017 para modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación que ascende á cifra total de 11.110.391 euros, destinados, entre outras cuestións, a axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense.

En materia de cultura, a corporación provincial aprobou o Programa de cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial 2017. As bases deste Programa contemplan que a dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación a través do deputado de cultura, e as funcións de impulso e seguimento á asesoría política Cultural da Deputación. A Deputación achegará unha dotación inicial para este fin de 70.000 euros.

Os concellos que queiran formar parte desta Rede deberán cumprir unha serie de requisitos que son: dispoñer dun espazo axeitado para o desenvolvemento da actividade escénica, asumir por tempada a programación de polo menos un espectáculo bimestral, dispoñer dun técnico responsable da xestión da actividade no concello ante a Rede e, ter menos de 20.000 habitantes.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

ORZAMENTO DO CONSORCIO DE AUGAS DE VALDEORRAS E A SÚA INTEGRACIÓN NO ORZAMENTO DA DEPUTACIÓN PARA O EXERCICIO 2017

Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para o exercicio 2017, conforme co proxecto aprobado pola Asemblea do Consorcio o 23 de decembro de 2016, por importe de 1.350.810,08 €.
O dito orzamento intégrase no orzamento xeral da Deputación Provincial para todos os efectos.
2º.- Someter a exposición pública o orzamento inicialmente aprobado polo prazo de 15 días hábiles, mediante anuncio no BOP. Durante o dito prazo os interesados poderán presentar reclamacións ante o Pleno nos termos previstos no artigo 170 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. O orzamento do Consorcio considerarase definitivamente aprobado se durante o dito prazo non se presentan reclamacións; en caso contrario o Pleno da Deputación disporá dun prazo dun mes para resolvelas.

Unha vez definitivamente aprobado o orzamento do Consorcio inserirase, resumido por capítulos, no BOP, entrando en vigor no exercicio 2017.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DA GUDIÑA EN MATERIA DE XESTIÓN TRIBUTARIA E RECADACIÓN DA TAXA POLA SUBMINISTRACIÓN DE AUGA E CANON DE AUGA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello da Gudiña ten atribuídas en materia de xestión tributaria e recadación da taxa de subministración de auga e canon da auga, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 29 de decembro de 2016. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

EXPEDIENTE N.º 1/2017 DE MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA POR SUPLEMENTO DE CRÉDITO E CRÉDITO EXTRAORDINARIO

Acordo:

Aprobar o expediente n.º 1/2017 de modificación orzamentaria por suplemento de crédito e crédito extraordinario.

PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS EN MATERIA DE EMPREGABILIDADE PARA O EXERCICIO 2017

Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2017, co seguinte contido:
Obxecto:
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2017.
A finalidade deste Programa é a contribución ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando o complemento dos recursos humanos necesarios co dito fin, tanto a través das figuras contractuais propias da lexislación laboral como a través de contratos administrativos ou nomeamentos de persoal funcionario interino, de ser o caso, mediante a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento dos ditos contratos ou nomeamentos.
Beneficiarios. Gastos subvencionables.
1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que contraten persoal en réxime de dereito laboral, efectúen nomeamentos de persoal funcionario interino ou subscriban contratos administrativos, típicos ou especiais, con persoas físicas suxeitas ao réxime de autónomos, para a realización de actividades da súa competencia durante o exercicio 2017. Considéranse subvencionables as contratacións ou nomeamentos que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2017.
2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas contratacións ou nomeamentos, incluíndo gastos salariais e de Seguridade Social, así como os honorarios ou contraprestacións económicas por servizos profesionais prestados por autónomos.
Contía das subvencións:
A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 10.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos ou nomeamentos subvencionados.
Dispoñibilidades orzamentarias:
Para as subvencións incluídas na presente convocatoria existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017, por importe global máximo de 910.000,00 €, na partida 46207/24111
Solicitudes de adhesión ao Programa: prazos, lugar de presentación e documentación a presentar:
As solicitudes, subscritas polo alcalde interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como no Rexistro Xeral da Deputación Provincial, que mantén a súa operatividade ao abeiro do establecido na Disposición Final 7ª da devandita Lei 39/2015.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas dunha declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas polo concello ou que lle fosen concedidas para o financiamento dos contratos ou nomeamentos para os que se solicita subvención.

2º.- Someter a trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, as bases inicialmente aprobadas polo prazo de 10 días hábiles, durante os cales os concellos interesados poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que deberán ser resoltas motivadamente no acto de aprobación definitiva.

No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente aprobado de forma definitiva, procedendo á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia

PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2017

Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2017 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:
PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS

DEPUTACIÓN
CONCELLOS
TOTAL
1.- Obras municipais
4.645.999,99 €
1.409.947,72 €
6.055.947,71 €
2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta
385.000,00 €

385.000,00 €
2.- Rede Viaria Deputación
2.000.000,00 €

2.000.000,00 €
TOTAL
7.030.999,99 €
1.409.947,72 €
8.440.947,71 €

PLAN COMPLEMENTARIO

DEPUTACIÓN
CONCELLOS
TOTAL
Obras municipais
4.261.000,00 €
666.632,40 €
4.927.632,40 €
Rede Viaria Deputación
7.064.300,00 €

7.064.300,00 €

2º.- Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente a Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.

CREACIÓN DUN MAPA PROVINCIAL DE EMERXENCIAS

Acordo:

1º.- Que a Deputación de Ourense elabore un mapa provincial de emerxencias para a provincia.
2º.- Solicitar da Xunta de Galicia a súa implicación no deseño e xestión deste mapa, en colaboración co resto de administracións.

PROTECCIÓN DA SAÚDE DA CIDADANÍA FRONTE Ó AMIANTO OU ASBESTO

Acordo:
1. Poñer en marcha campañas de formación, información e publicidade para dar a coñecer o procedemento de detección do amianto e os ricos que comporta para saúde, así como sobre o risco que supón a súa inadecuada manipulación e informar de cales son os pasos que se deben seguir para a retirada e o tratamento destes materiais e os seus residuos.
2. Aprobar un convenio-marco ao que se adhirán os concellos da provincia co fin de realizar un inventario das construcións de titularidade das entidades locais que conteñan amianto.
3. Instar á Xunta de Galicia a realizar as análisis que correspondan para descartar a existencia de amianto naquelas edificacións da súa titularidade na provincia de Ourense, e no caso de que se detectase ese material con posible risco para a saúde, á súa retirada paulatina, así como convocar unha liña de axudas específica destinada a retirar aqueles elementos que conteñan amianto nas edificacións privadas.

CONVENIO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE VILAR DE SANTOS PARA A PRESTACIÓN POR PARTE DA DEPUTACIÓN, DO SERVIZO DO PUNTO LIMPO

Acordo:

1º.- Aprobar a subscrición dun convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Vilar de Santos para a prestación do servizo por parte de Deputación provincial do servizo do punto limpo do Concello de Vilar de Santos.

2º.- O presente convenio será obxecto de publicación no BOP, para xeral coñecemento.

PROGRAMA DE COOPERACIÓN DA DEPUTACIÓN COS CONCELLOS, PAR AO COFINANCIAMENTO DA REDE PROVINCIAL DE ESPAZOS CULTURAIS E A PROGRAMACIÓN COORDINADA DE ACTIVIDADES A NIVEL PROVINCIAL 2017

Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o Programa de cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial para o exercicio 2017.

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos no eido da cultura para o exercicio 2017, co obxecto de cofinanciar e cooperar conxuntamente cos concellos no fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, a través da Rede de espazos culturais (auditorios, casas de cultura e centros multiusos) da provincia de Ourense, establecendo así mesmo o seu marco regulador para este exercicio.
A rede estará integrada pola Deputación de Ourense e todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con espazos escénicos que reúnan os requisitos establecidos na cláusula segunda e que se adhiran conforme co disposto no presente programa.

A dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación Provincial a través do deputado delegado en materia de cultura, correspondéndolle á asesoría de Política Cultural da Deputación as funcións de impulso e seguimento.

O cofinanciamento pola Deputación de Ourense realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 33420/22611, cunha dotación inicial de 70.000,00 € no orzamento corrente.

Os concellos que soliciten a súa integración na Rede de espazos culturais da Provincia de Ourense deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Dispoñer en propiedade dun espazo axeitado para o desenvolvemento da actividade escénica. Aqueles concellos que non dispoñan de local en propiedade deben acreditar unha relación de alugueiro ou autorización de uso coa entidade propietaria deste, asumindo, neste caso, a entidade arrendataria as condicións estipuladas no presente programa para os membros da Rede.
b) Asumir por temporada a programación de, polo menos, un espectáculo bimestral nos ditos espazos.
c) Dispoñer dun técnico responsable da xestión da actividade no concello ante a Rede.
d) Ter menos de 20.000 habitantes segundo a derradeira cifra oficial publicada polo INE.

A Deputación de Ourense negociará coas compañías as condiciones técnicas e económicas dos espectáculos. Unha vez determinadas estas, comunicaránselles aos concellos, ofertándolles a posibilidade de incluílas na programación nas condicións establecidas nestas bases. Os concellos deberán dar resposta a esta oferta no prazo que se indique na oferta, entendéndose que en caso de non contestar á oferta rexeitan a inclusión da actuación no programa. Coa aceptación dos concellos, a Deputación, mediante resolución da Presidencia, acordará a inclusión das actuacións no programa, especificando as datas de programación, forma de pago e porcentaxe de financiamento que lle corresponderá á Deputación e ao concello. Desta resolución daráselle conta á comisión de seguimento na primeira sesión que teña lugar. Nos casos en que o número de actuacións dispoñibles sexa inferior á de concellos interesados, a actuación se lles asignará aos concellos que primeiramente acepten a oferta, por rigorosa orde cronolóxica de recepción da aceptación. Non obstante, a comisión de seguimento poderá establecer outros criterios alternativos de aplicación neste caso.

A Deputación asumirá os gastos de publicidade e organización da Rede e achegará parte do custo do caché de cada espectáculo, segundo se determine nas correspondentes resolucións. Como norma xeral, da programación conxunta que se realice, a Deputación de Ourense achegará o 75% do custo total de cada espectáculo, achega que pode variar nalgúns programas de xeito motivado.

Os concellos integrados asumirán a parte restante do custo do espectáculo ou actividade, así como os impostos correspondentes, SGAE e demais gastos que xere a actividade. A porcentaxe correspondente ao concello será liquidada pola Deputación consonte ás porcentaxes indicadas nesta cláusula e o convenio subscrito para cada actividade.

Os posibles ingresos que xere a actividade serán xestionados e recibidos directamente polos concellos. A fixación de prezos para o público asistente por parte do concello debe serlle comunicado á comisión de seguimento.

2º.- De conformidade co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións desta Deputación, as bases reguladoras do programa inicialmente aprobadas someterase a información pública, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia, por prazo de dez días hábiles, durante os que as entidades locais interesadas poderán formular as alegacións e suxestións que consideren oportunas, as cales serán obxecto de resolución expresa polo Pleno. En caso de non formularse alegacións en prazo, entenderanse automaticamente aprobadas de xeito definitivo, procedéndose á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar