«Xornada do emprendedor» en Ourense

Manuel Baltar_Xornada do emprendedor_25012017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou na Escola Profesional «Santo Cristo» da capital ourensá a «I Xornada do Emprendedor», un ciclo de seminarios e conferencias que se desenvolverán ata o vindeiro 27 de xaneiro co obxectivo expoñer aos alumnos as diferentes visións estratéxicas, retos e experiencias de éxito levadas a cabo por xóvenes empresarios para impulsar o espírito emprendedor. Nesta xornada inaugural, o presidente do goberno provincial estivo acompañado por directivos do centro educativo, polo presidente do Centro Comercial Aberto, Luis Rivera; o presidente de AJE Ourense, Lois Babarro, e o director do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, Eladio Jardón.

Manuel Baltar afirmou diante dun público xove integrado por máis de cen estudantes que existen razóns de abondo «para crer e crear en Ourense e nas potencialidades do noso territorio». Enumerou as singularidades da provincia de Ourense, entre as que citou «o termalismo, a riqueza turística, monumental e paisaxística, e experiencias emprendedoras de éxito como foron as de Barreiros e Coren; o deseño téxtil e a construción de equipamentos para a industria aeronáutica, xunto con vangardas culturais como a Xeración Nós, que contribuíu a esa Galicia sen fronteiras desde a nosa provincia de Ourense, traballadora, creativa e emigrante». «Actualmente, da man de iniciativas innovadoras –destacou Baltar-, estamos a impulsar accións como a Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week, e iso, xunto á presenza en foros nacionais e internacionais nos que defendemos a «marca Ourense», fai que a nosa provincia teña un distintivo de emprendemento e innovación».

Baltar animou aos xóvenes «a que ningunha idea se quede dentro de nós», e lembrou a canle permanente que a Deputación de Ourense mantén coa cidadanía a través da web da institución no apartado «O presidente responde», onde nun prazo máximo de 5 días calquera persoa terá resposta á cuestión que plantexe. O presidente remarcou as cifras positivas que 2016 deixou na provincia de Ourense no ámbito turístico, «algo ao que contribuíu a promoción do noso termalismo e actividades internacionais como a «Vuelta a España», que por primeira vez acolleu catro etapas na nosa provincia».

Baltar dixo que os 92 municipios que ten a provincia de Ourense «non son nin moitos nin poucos, son os que hai, e os habitantes de todos e cada un deles teñen os mesmos dereitos e oportunidades, porque cremos no discurso do territorio en favor das persoas que viven nel, e, por suposto, cremos nas potencialidades do conxunto da nosa provincia».

A «I Xornada do Emprendedor» abrangue diferentes actividades enfocadas ás calidades persoais e profesionais que debe ter unha persoa interesada en montar un negocio, e tamén se analizan casos reais e impártense obradoiros de creación de empresas, xunto coas achegas de expertos en diferentes ámbitos do eido empresarial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar