O “Land Rober Tunai” recibe á actriz Elena Furiase, filla, neta e sob

Land roverHoxe, o “Land Rober Tunai Show” recibe no estudio a Elena Furiase. Neta de Lola Flores e filla de Lolita, a actriz forma parte dunha das familias de artistas máis coñecida de España. Elena Furiase é coñecida polo seu papel en diversas series moi populares como “El internado”, “Cuéntame cómo pasó” e “El ministerio del tiempo”. Elena Furiase, Roberto Vilar e o tándem formado por Touriñán e Eva Iglesias pintarán a mona hoxe á noite para facer que o público se esmendrelle de risa. Ademais, na sección “Quen vés sendo?” poñerá a proba a súa intuición o xornalista Carlos Verdugo, presentador do programa deportivo “En Xogo” da Televisión de Galicia, que tamén dará os seus primeiros pasos como actor nun dos sketchs do programa.

 

 

A REVISTA

 

O programa “A Revista” dará conta hoxe da exposición “H2Oh” na Alameda de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo mostrar a importancia da auga para a vida. O consumo sostible, o seu ciclo natural e a súa xestión son algúns dos temas que tratará “H2Oh” para concienciar a poboación do mal aproveitamento deste ben e da cantidade dela que se consome no mundo.
Os reporteiros tamén estarán en directo en Vigo, nunha tenda pioneira en Galicia na venda alimentos para persoas con alerxias e intolerancias. Este establecemento nace coa intención de ofrecer consumibles cada vez máis demandados no mercado, como produtos sen glute, lactosa, soia, ovo ou alimentos para veganos.
No estudio de gravación, a presentadora Laura Peña entrevistará o músico Bieito Romero, membro do emblemático grupo de folk “Luar na Lubre” que celebra este ano o seu 30 aniversario cun novo disco e mais unha macroxira. Tamén acudirá ao estudio Moncho Lemos para falar das últimas estreas da carteleira.

 

tvG2
ZIGZAG DIARIO

 

Na súa edición dedicada ao audiovisual, o “ZigZag Diario” adéntrase no cinema do real da man de tres documentais que teñen a sinatura de realizadores galegos. No estudio do programa estará Dani López, director do documental “7 days, 7 cities”, que narra a viaxe polo mundo do médico galego Diego González Rivas ensinando unha técnica pioneira para a extirpación de tumores pulmonais.

O programa cultural da tvG2 expoñerá ante os espectadores como traballa Manu Viqueira, realizador do último videoclip do grupo de rock norteamericano “Green Day”, que encabeza as buscas en Youtube desde a súa recente estrea.

Ademais, o “Zig Zag Diario” afonda no documental “Pessoa/Lisboa”, que forma parte da exposición de título homónimo que pode verse no Círculo de Bellas Artes de Madrid e da que é comisario Alberto Ruíz de Samaniego. O documental percorre localizacións da capital portuguesa vinculadas á vida do escritor.

Data de emisión: Xoves, 26.01.2017
Cinema de Noite (00.35 h.)

O SHOW DE EICHMANN
(“The Eichmann Show”)

Director: Paul Andrew Williams
Elenco: Martin Freeman, Anthony LaPaglia, Ben Lloyd-Hughes, Samuel West, Anna-Louise Plowman, Rebecca Front, Zora Bishop, Solomon Mousley
UK, 2015, 90’, Drama

**SINOPSE**

Relato do xuízo televisado ao ex-oficial nazi Adolf Eichmann que tivo lugar en Xerusalén no ano 1961. Eichmann foi aforcado no 1962 despois de ser declarado culpable de crimes contra a humanidade. Descrito como “o xuízo do século”, este evento chegou a televisarse en canles de ata 37 países. Con el, relatouse por primeira vez o horror dos campos de concentración, contado en directo polas súas vítimas. Este filme é un dos proxectos encargados pola BBC para conmemorar o 70 aniversario da liberación do campo de concentración nazi de Auschwitz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar