Constitúese o Consello Social Provincial de Ourense

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu a reunión constitutiva do Consello Social Provincial (ConsellOU) onde se deron cita 24 entidades sociais da provincia, nun acto presidido polo titular do goberno provincial, Manuel Baltar, acompañado polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández e polo deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez.

image

Como destacou Manuel Baltar, “trátase dun compromiso recollido no plan de mandato “Ourense 15-19″, unha iniciativa que a Deputación de Ourense impulsa para crear un novo espazo de traballo colaborativo coas entidades sociais”. O Consello Social Provincial permitira afondar no diálogo entre a Deputación e as entidades sociais, co obxectivo de seguir mellorando a xestión pública das axudas sociais nos ámbitos da transparencia, a eficacia e a eficiencia.

Baltar explicou que o Consello Social Provincial terá tres eixes de actuación: participación, visibilidade e transformación. O primeiro deles refírese a establecer mecanismos de participación das entidades sociais na redacción e na determinación dos parámetros de valoración e adxudicación das axudas publicas que a Deputación convoca anualmente a través da correspondente orde en concorrencia competitiva, destinada a entidades sociais. Como primeira medida, Manuel Baltar anunciou que o Consello Social “establecerá unha mesa de traballo para elaborar uns criterios participativos de reparto económico e valoración para a distribución do orzamento das axudas no ámbito social”. Neste sentido, mañá martes convocarase unha reunión, que terá lugar a vindeira semana, para que os técnicos das entidades fixen os novos criterios de reparto participativo das axudas 2017.

O segundo eixe e actuación que explicou o presidente Baltar refírese a “incrementar a visibilidade das iniciativa sociais e do traballo desenvolvido polas entidades da provincia, así como propiciar a transferencia das boas prácticas e a coordinación cos servizos sociais municipais”. “Para elo desenvolveremos no vindeiro mes de marzo o primeiro Foro Social Provincial, un encontro anual entre as entidades sociais da provincia e os profesionais dos servizos sociais, para expoñer as mellores prácticas e establecer as canles de coñecemento entre axentes das administracións locais e as entidades sociais”, afirmou Manuel Baltar.

Asemade, o presidente anunciou que no mes de xuño “Ourense será sede do encontro anual no que se debaterá sobre as mellores políticas sociais no ámbito estatal, cumio no que as entidades sociais ourensás terán un protagonismo especial”.

Finalmente, o terceiro eixe de actuación é a transformación ao ámbito dixital. Refírese ás relacións entre a administración provincial e as entidades sociais “co papel cero como obxectivo”, destacou Baltar, engadindo que en 2017 “estableceranse todos os procedementos administrativos entre a Área de Benestar da Deputación de Ourense e as entidades sociais sen un só papel, desde as solicitudes de axudas ata a xustificación das mesmas; todo en base á administración electrónica, co que elo conleva de simplificación e eliminación de cargas administrativas”, dixo o presidente.

Manuel Baltar sinalou aos servizos sociais como un ámbito fundamental e remarcou que en 2017 “o orzamento que a Deputación de Ourense destina a este ámbito increméntase en máis de 1,5 millóns de euros con respecto a 2016”. Tamén explicou o presidente que este ano crearase a primeira bolsa de emprego social da provincia de Ourense, tendo en conta as necesidades de concellos e entidades sociais, e dixo que se porá en marcha unha plataforma de recursos e entidades sociais, unha Intranet coordinada pola Deputación, que permitirá destacar o labor que realizan estes colectivos.

As entidades participantes na reunión de hoxe foron: Asociación Banco de Alimentos de Ourense, Cruz Vermella, Cáritas, Asociación Arela, Asociación Arraianos, Asociación de Prevención da Exclusión Social (APES), Centro de desenvolvemento rural “O Viso”, centro Portas Abertas, Federación de Mulleres Rurais de Ourense, Fundación de solidariedade Amaranta, Fundación Juan Soñador, Asociación Redmadre, Asociación Morea, Asociación Renacer, Asociación española contra o Cancro, Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer Afaor, Comité Antisida de Ourense, Atox, Asociación Autismo Ourense, Asociación de persoas xordas, Asociación de persoas con discapacidade de Ourense ADO, Discafis-Cogami, e Asociación San Vicente de Paúl e Asociación diabética Auria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar