Axudas á natalidade na provincia de Ourense

Manuel Baltar_Ruben Saavedra_Abanca_acordo natalidade_24012017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, asinaron o convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para desenvolver o programa de fomento da natalidade da Deputación de Ourense, “ChegOU”, para o ano 2017. Este acordo permite xestionar a axuda económica que outorga a Deputación, mediante una tarxeta prepago para utilizar en farmacias e parafarmacias, coñecida como “Tarxeta ChegOU”.

Segundo explicou Manuel Baltar, “cada beneficiario recibirá unha axuda de ata 300 euros para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde, relacionados co primeiro ano de vida do bebé”, sendo o orzamento total que en 2017 destina a Deputación para esta liña de apoio á natalidade de 400.000 euros. Baltar remarcou que a partir de mañá mércores xa se poden presentar as solicitudes, “froito da xestión e da aprobación dos orzamentos da Deputación, en setembro de 2016, que nos permite estar perfectamente operativos desde o día 1 de xaneiro”. Manuel Baltar fixo balance dos resultados da tarxeta ChegOU do ano pasado, destacando que se aprobaron un total de 1.404 solicitudes de 85 concellos da provincia, “un labor no que destaca a cooperación entre a Deputación de Ourense e os servizos sociais municipais”.

 

 

CONCELLOS CON MÁIS SOLICITUDES

 

Os concellos nos que máis solicitudes houbo foron: Ourense (572), Barbadás (85), O Carballiño (80), O Barco de Valdeorras (76), Verín (44), Allariz (43), Xinzo de Limia (39), Pereiro de Aguiar (38) e San Cibrao das Viñas (37).

Este acordo, afirma Manuel Baltar, “visibiliza a cooperación que neste ámbito manteñen a Deputación de Ourense e Abanca”, unha alianza que tamén destacou Rubén Saavedra subliñando que grazas a este convenio “poñemos a disposición da Deputación e dos pais e nais ourensáns que amplíen as súas familias durante este ano toda a nosa experiencia e capacidade técnica no terreo dos medios de pago, unha das liñas de negocio estratéxicas para o banco neste momento”. Saavedra engadiu que ademais de producir e xestionar a operativa da tarxeta, “achegamos a rede de oficinas máis extensa de Ourense, dende a que damos cobertura a case o 94% da poboación, o que permitirá aos beneficiarios das axudas consultar o saldo e os movementos de forma cómoda e sinxela”.

O tempo medio de resolución de concesión das solicitudes en 2016 foi de 11 días, un prazo que se prevé reducir este ano a menos de 10 días, así como que o tempo medio de envío da tarxeta baixe dos 20 días.

O obxectivo do convenio asinado hoxe establece o marco de colaboración entre Deputación de Ourense e Abanca para a instrumentalización da axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un fillo ou adopten un neno menor dun ano, axuda que se fará efectiva a través dunha tarxeta prepago para utilizar durante o ano 2017 e ata o 28 de febreiro de 2018.

A Deputación de Ourense como medida de apoio ao fomento da natalidade puxo en marcha no mes de abril de 2016 un programa de axudas que se materializaban a través da tarxeta ChegOU, que, cun importe de 300 euros, pode usarse en farmacias e parafarmacias e permite adquirir produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde relacionados co primeiro ano de vida do bebé.

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicou onte luns as bases reguladoras do concurso público para a concesión de subvencións para o fomento da natalidade da provincia de Ourense, Programa ChegOU. Poderá ser beneficiario destas axudas o proxenitor ou adoptante dun neno menor dun ano nacido entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017 que se inscriba nalgún rexistro civil da provincia de Ourense e que cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia de Ourense á data da solicitude da axuda, e ter unha antigüidade no empadroamento na provincia de, polo menos, un ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar