Máis de tres mil lucenses beneficiaronse das políticas de emprego o pasado ano

Balseiro_delegado Xunta Lugo_20012017

Máis de 3.000 persoas desempregadas foron beneficiarios directos das axudas e programas de fomento do emprego desenvolvidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Lugo durante o pasado ano.
Así o destacou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen explicou que se investiron preto de 19 millóns de euros en accións formativas e de incentivo para a contratación e o autoemprego.

Balseiro afirmou que as persoas en desempregadas “constitúen un colectivo de acción preferente, unha prioridade para o goberno de Galicia” e sinalou que as políticas da Xunta seguen dúas liñas fundamentais de actuación: as axudas económicas para a creación de postos de traballo e as iniciativas de formación e orientación.

Con respecto ás primeiras, afirmou, destináronse máis de 7 millóns de euros a promocionar a contratación por conta allea, financiando a contratación indefinida e a contratación de mozos, fomentando o emprendemento a través de axudas de emprego a autónomos ou estimulando o desenvolvemento das cooperativas e as sociedades laborais.

Ademais, dispuxéronse tamén cinco liñas de axuda a concellos e entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas en situación de desemprego e para a contratación de axentes de emprego e orientadores laborais.

Balseiro subliñou que, deste xeito, as políticas de emprego da Xunta chegan a máis beneficiarios, “xa que a tarefa dos axentes de emprego e orientadores laborais que se sufraga aos concellos é precisamente exercer en todo o territorio un servizo próximo e eficaz de apoio ás persoas desempregados na busca activa de emprego”.

O outro gran bloque de actuación está conformado polas accións de formación e orientación, ás que se dedicaron máis de 11 millóns de euros e que comprende, entre outros, os obradoiros de emprego e os cursos AFD para persoas desempregadas.

“A formación resulta fundamental para promocionar a empregabilidade e o acceso ao mercado laboral nunhas mellores condicións de cualificación, que repercute en empregos de mellor calidade”, sinalou o delegado. Ademais, a maior parte dos cursos “levaban asociado un Certificado profesional que os capacita para o desenvolvemento laboral en todo o Estado”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar