Fitur: Galicia vende a sua oferta turística en doce frentes

Cluster de Galicia_19012017

 

O stand de Galicia na 36ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, acolleu no segundo día de celebración un total de 12 presentacións que difundiron a ampla oferta turística que ofrece a nosa comunidade.

Un dos actos promocionais celebrados foi o organizado polo Clúster de Turismo de Galicia. Nel presentáronse dúas iniciativas destinadas a impulsar dous importantes segmentos turísticos: ‘Destino familiar’ e ‘Enoturismo Galicia’.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que estes dos proxectos deron os seus primeiros pasos no pasado ano e que impulsarase o seu desenvolvemento neste 2017.

Nava Castro destacou que a través da iniciativa ‘Enoturismo Galicia’ únense por primeira vez as cinco Rutas do Viño de Galicia baixo unha mesma marca co obxectivo de situar a nosa comunidade autónoma como un referente enoturístico. “Baixo este novo produto turístico desenvolveranse unha ampla oferta de iniciativas enoturísticas e enogastronómicas de calidade que atraerán a un maior número de visitantes ao noso territorio”, sinalou.

No que se refire ao produto ‘Destino familiar’, a responsable de Turismo da Xunta explicou que este proxecto inclúe un sistema de acreditación orientado á posta en valor da oferta dirixida a este segmento a fin de que o consumidor poida identificar os servizos, establecementos, instalacións e actividades turísticas pensados e adaptados para familias. “Así, conseguiremos agrupar toda esta oferta nunha web e aplicación móbil específica para impulsar Galicia como destino familiar”, engadiu.

Nava castro avogou pola importancia destas dúas iniciativas afirmando que gozarán dun gran éxito neste 2017 e axudarán a continuar posicionando a nosa comunidade como un destino multiexperiencial e de calidade.

Segunda xornada

Na mañá de hoxe tamén ocupou un lugar importante no espazo galego en Fitur, o recén oficializado Camiño Portugués pola costa, o xeodestino Manzaneda-Trevinca ou a oferta náutica galega, entre outros.

Así mesmo, o stand de Galicia acollerá pola tarde diversas presentacións como as destinadas á difusión de destinos a Mariña Lucense e O Salnés ou a presentación da nova edición de Termatalia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar