A Artesanía de Galicia chega aos mercados nórdicos

Artesanía de Galicia_19012017_2

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo ata o vindeiro sábado, 21 de xaneiro, unha iniciativa coa que se busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 36 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combina con produtos máis contemporáneos.

A prata, a iluminación, o téxtil e o coiro únense á cerámica, a cestería tradicional, a cestería téxtil, a olería tradicional ou as pezas utilitarias elaboradas en madeira na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013.

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse.

Artesanía de Galicia_19012017_1

 

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas textís do obradoiro Belategui Regueiro (Cambre), a olería de Pepe Otero (A Coruña), os complementos de coiro de Corzo Artesanía (Arzúa), os coitelos dos obradoiros artesanais do ferro de Riotorto MAF Artesanía e Jomaca, os collage de Nena Ventura (A Coruña), as pezas cerámicas de Ojea Studio (Vigo) e Mágicos Gagarín (Cea), e os traballos en madeira de Lorenzo Design (Santiago de Compostela).

Outros obradoiros que xa estiveron presentes en edicións anteriores da feira Formex tamén presentarán novas liñas de produto como é o caso do coiro da man do obradoiro Coiraxe (Vigo), Jatafarta (Santiago de Compostela), Miolos Design (Mourente) e Cabuxa (Tui). Inclúense tamén as apostas pola iluminación de Pedeeme de Campañó, os coitelos do obradoiro do ferro Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) ou o téxtil de Artefíos (A Coruña).

A porcelana estará representada por pezas de Marta Armada (Vigo), Verónica Moar (A Coruña), Como Cuando (Vigo), e o finalista do Premio Artesanía de Galicia 2016 Víctor Ares (A Coruña). A cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Laura Delgado Cerámica (Cambre), Unzueta Cerámica (Brión) e os recentes gañadores da Bolsa Eloy Gesto dos Premios de Artesanía de Galicia 2016 Madriguera Workshop (Ferrol).

En canto á olería, están representados os centros de olería tradicional galega de Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober) e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Aparicio e Alfarería Rulo que presentan tamén novos produtos.

No stand comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Merza), Cunqueiro (Palas de Rei).

Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro de figuras de pan de Jorge Bellón de San Andrés de Teixido, e a prata está representada polas exquisitas pezas dos recén nomeados gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016, Noroeste Obradoiro de Santiago de Compostela.

A participación de Artesanía de Galicia na feira Formex de Estocolmo enmárcase na folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se incide na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar