A Academia

Diante da Academia, da Real Academia Galega (RAG), hai que cadrarse, erguer o peito, expoñer a alma e render homenaxe, cada día, á institución senlleira e defensora da nosa lingua, integrada por sobranceiras personalidades dos distintos ámbitos da cultura e da vida de Galicia, dende o seu nacemento. No artigo primeiro dos estatutos, defínese como “unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudio da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego”. Constitúese en 1905 e, ata 1923, Manuel Murguía preside a súa andadura. Unha andadura que comeza co obxectivo de “darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario”. Por mor da guerra civil, tivo un período escuro, unha longa tempada de silencio, cos seus académicos mortos ou no camiño do exilio.

Despois reverdeceu de novo e, hoxe, ten pleno esplendor. Brilla soa e con forza na campa das letras, das humanidades, da literatura, da cultura e da ciencia. O mestre, o profesor e intelectual Xesús Alonso Montero, guía o seu andar polos páramos culturais galegos, que se estenden polo mundo enteiro. Faino ben, algúns entendemos que moi ben, como o facía o seu antecesor, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e como o fixeron sempre os homes que estiveron orientando o temón desta nave de saber, de divulgación e propagación de saberes.

O órgano da RAG responsable das actuacións da Academia é o pleno, do que forman parte os trinta membros de número, procedentes dunha enorme dispersión xeográfica, pero maioritariamente vinculados á Universidade de Santiago de Compostela. E, moitos relacionados igualmente co Consello da Cultura de Galega, que preside o académico e profesor da USC Ramón Villares Paz. As dúas, a alma mater e a RAG, teñen moitos puntos de intersección entre elas e, moitos, co Consello da Cultura.

A bióloga e profesora Marilar Jiménez Aleixandre ingresou na RAG o pasado día 14. Fíxoo nun acto no Paraninfo da Universidade e cun discurso emotivo e científico, Voces termando da paisaxe galega. Faltan por cubrir dúas prazas no Pleno e para elas están nomeados dous mozos cargados de talento e sabedoría, Carlos Brandeiro e Jorge Mira, físico e, como Marilar, profesor na USC. Noraboa!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar