Pontevedra: O Casal será o novo campo de herba sintética de Salcedo e Lourizán

Visita-Campo-de-fútbol-de-O-Casal16_PROVISIONALO Campo de fútbol do Casal é o escollido polo Concello, os comuneiros de Salcedo e Lourizán e os clubs de ambas parroquias para construír o novo campo de fútbol de herba sintética que dará servizo a esta parte do Concello. Os concelleiros delegados das parroquias e de Deportes, Demetrio Gómez e Anxos Riveiro, xunto aos responsables das entidades deportivas e das comunidades de montes visitaron hoxe o campo do Casal xunto aos arquitectos que deseñarán o proxecto e os técnicos municipais para ver as necesidades e as propostas de todas as partes.

“Esta é a primeira toma de contacto sobre o terreo”, explicaba Demetrio Gómez quen manifestou que “é un proceso participado, democrático, que leva o seu tempo”. E valorou “o espírito positivo de todo o mundo, que ten moitas gañas de traballar e de propoñer todo o que preciso o campo”.

O concelleiro delegado das parroquias de Salcedo e Lourizán asegurou que “concluímos que este campo ten unha situación excelente porque se vai converter na porta de entrada doutras moitas actividades deportivas no monte nesta parte do concello”.

Tanto o concelleiro Demetrio Gómez como a responsábel de Deportes, Anxos Riveiro aseguraron que os tempos de proxecto, licitación e obra serán en prazos razoables pero “o realmente importante é facer as cousas ben e non a toda velocidade”.

Cabe lembrar que o Concello vén de descartar a construción dun novo campo no lugar de Cabanas, en Salcedo, ao atopar na metade do que ía ser terreo de xogo un petróglifo. Este descubrimento obrigou a reconsiderar o proxecto e sopesar a posibilidade de trasladalo ao actual campo do Casal, para que puidese ser compartido polos veciños de Salcedo e de Lourizán, ambos propietarios do terreo.

Anxos Riveiro adiantou esta mañá que esta situación non ten porque afectar en absoluta na práctica deportiva, xa que hai outras experiencias no Concello de instalacións deportivas como os campos de herba sintética da Xunqueira na que xogan cada semana moitos clubs federados sen maior complicación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar