A Lei de Protección da Paisaxe acadou o seu máximo valor

Beatriz Mato_Miguel Santalices_17012017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, fixo entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, da terceira memoria de seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio. Trátase dun documento que a Xunta deberá presentar con carácter anual ao Parlamento e que está elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en base ao informe de seguimento aprobado pola Comisión de seguimento das DOT, na que están implicados 20 departamentos da Xunta de Galicia.

Un dos datos que revela é que os indicadores que determinan o grao de aplicación da Lei de Protección da Paisaxe acadaron o seu máximo valor, xa que Galicia ten delimitado o seu territorio por unidades de paisaxe e están incluídas nun catálogo. Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente aprobou o Catálogo das Paisaxes de Galicia, un instrumento que aborda a análise e diagnose da paisaxe.

Asemade, outro dato significativo é que o 100% dos espazos naturais contan cun instrumento de planificación, tras a creación da Rede de Parques Naturais de Galicia ou a aprobación do Plan director da Rede Natura. A memoria destaca que se avanza na senda correcta en materia de urbanismo sostible, porque na actualidade xa son 33 os concellos que contan con Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado ás DOT, fronte aos 9 que recollía a primeira memoria ou os 21 da memoria do ano pasado.

Para coñecer ese grado de sustentabilidade territorial determináronse un total de 44 indicadores (dous máis que na memoria anterior): os Indicadores de Desenvolvemento e Implantación (IDI), os Indicadores de Sustentabilidade Territorial (IST) e a Enquisa de Percepción Territorial e Urbanística (EPTU), da que por primeira vez se analizaron os resultados.

En relación coas materias do departamento que dirixe Beatriz Mato, os Indicadores de Desenvolvemento e Implantación reflicten que dende a aprobación das DOT –ademais dos Pxoms aprobados- un total de 184 están en elaboración, o que supón un 68% dos concellos e máis de dous terzos da superficie de Galicia.

Os Indicadores de Desenvolvemento de Implantación tamén reflicten unha tendencia positiva nos eidos do patrimonio natural, recollese un incremento da superficie da Rede Galega de Espazos Protexidos con instrumento de planificación; no patrimonio cultural, cun incremento no número de Bens de Interese Cultural (BICs), no número de actuacións sobre bens patrimoniais e no número de conxuntos históricos con plan especial.

A conselleira destacou que esta memoria tamén sinala valores que marcan retos para mellorar, como é o feito de priorizar o transporte privado fronte ao público (só un 5% dos desprazamentos ao traballo se realizan en transporte público, o 67% en vehículo privado e o 26% a pé ou en bicicleta, segundo a EPTU) ou a necesidade de dar un pulo para facer atractivo o rural de Galicia, e traballar a prol do equilibrio territorial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar