A Coruña promocionará en Fitur a sua oferta turística

O concelleiro Alberto Lema destacou que a representación municipal que viaxará á Feira Internacional de Turismo, encabezada polo alcalde, incidirá na visión da Coruña, como “capital da Cociña Atlántica”, así como na promoción da cidade en Irlanda e Reino Unido como zonas de emisión de visitantes movidos pola promoción da ruta marítima xacobea.

Copncelleiro A Coruña Alberto Lema_16012017

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que desempeña tamén o cargo de presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, presentou este luns en rolda de prensa as liñas básicas da promoción da cidade este ano, que serán expostas esta semana na feira especializada no sector turístico, Fitur, que terá lugar entre o mércores e o venres en Madrid. “Nesta edición será o propio alcalde, Xulio Ferreiro, quen presente as potencialidades da cidade, así como as nosas apostas para a atracción de visitantes”, comentou o edil, quen destacou que o título da campaña coa que a cidade acode a Fitur é A Coruña, capital da Cociña Atlántica. “Incidir na gastronomía como un dos principais atractivos desta cidade non é unha ocorrencia. Nas enquisas de opinión que levamos a cabo, os e as visitantes destacan a cociña como un dos factores de maior atractivo”, explicou Lema, quen recordou que este ano, ademais de accións gastronómicas “xa tradicionais na cidade” como o Picadillo, Boucatise, e Lacónicas, a cidade acollerá, entre o 12 e o 14 de marzo, o Fórum Gastronómico. “O noso obxectivo é promocionar A Coruña como capital da cociña atlántica, de todo o noroeste peninsular”, explicou Lema, que destacou que “tamén se porán en marcha outras accións coordinadas co grupo de restauración Coruña Cociña”.

Pero, ademais da gastronomía, outros dos eixos da promoción da cidade en Fitur centrarase no Camiño Inglés, unha vez que A Coruña vén de acadar a concesión por parte do Cabildo da posibilidade de que os e as peregrinas que vaian até Santiago poidan recibir a acreditación da Compostela. “Agora é preciso, xunto coas institucións e concellos implicados, abordar a sinalización e dialéctica imprescindible do Camiño Inglés”, comentou o responsable municipal, quen tamén destacou “as accións de promoción do mesmo” que emprenderá o Concello a través de Turismo da Coruña. Entre elas, está a promoción desta ruta en colaboración coa Asociación Galega de Amigos do Camiño, así como a celebración dunha nova edición de Navega o Camiño, regata que parte dende portos franceses e cantábricos e que acaba recalando na nosa cidade. “Os e as participantes fan unha última xornada a pé até Compostela, poñendo en valor, unha vez máis, o Camiño Inglés”, indicou o responsable municipal, quen tamén incidiu nas accións de promoción internacional do mesmo “especialmente centradas no público da República de Irlanda e Reino Unido”.

Lema salientou, do mesmo xeito, o polo de atracción que representa a celebración de eventos deportivos náuticos, como o Campionato de Traíñas da ACT, entidade que engloba equipos de todo o norte peninsular. “Ademais disto, como é obrigado, tamén promocionaremos a Torre de Hércules, como principal símbolo icónico desta cidade”, dixo o edil, quen destacou que este ano o Concello “seguirá a investir fondos na súa conservación”. “Do mesmo xeito, incidiremos no grande patrimonio que representan os museos científicos da Coruña”, engadiu. Entre os eixos de atracción turística, Lema tamén incidiu no gran potencial da cidade no sector congresual. “O pasado ano colleitamos unha cifras moi positivas, para este xa temos confirmado, entre outros, un congreso da Sociedade Española de Xerontoloxía e Xeriatría que atraerá a unhas 1.500 persoas”, comentou o titular de Emprego.

“Por suposto, en Fitur tamén promocionaremos especialmente a nosa época estival, e a vertente de cidade de concertos, co Festival Noroeste Estrella Galicia, que está a converterse nun referente estatal”, dixo Lema, quen destacou que a delegación coruñesa que viaxará a Fitur “aproveitará o evento para participar na asemblea da plataforma turística da que forma parte, Saborea España, así como para manter reunións con asociacións da propia cidade relacionadas co sector turístico, e co Clúster de Turismo de Galicia, de cara a programar actividades conxuntas de difusión da nosa cidade ao longo deste ano”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar